Recoñecemento á Xira de Cedeira polo seu labor na difusión e enxalzamento da música popular

Recoñecemento á Xira de Cedeira polo seu labor na difusión e enxalzamento da música popular
As cancións da vila cedeiresa transmítense de xeración en xeración | Cedida

“Non sei o que pasa por min cando te miro/ Non sei por que o meu corazón deixas rendido”

 

Se hai un día marcado en vermello para os veciños e veciñas de Cedeira é o da Xira, enmarcada na Romaría de San Antón de Corveiro e no que miles de persoas soben ao monte para poñer fin ás festas da patroa

 

Depois desa xornada, a veciñanza emprende o camiño de volta dende a ermida entoando e tocando cancións típicas da vila, unha baixada que vén de ser recoñecida pola asociación cultural Maravallada de Pontevedra –co apoio do Consistorio pontevedrés– na súa gala Cantos de Taberna, celebrada a pasada fin de semana, polo seu labor na difusión e enxalzamento da música popular do país.


José Rodríguez Arribe, coñecido na vila como “José de Vigo”, leva 40 anos liderando e coordinando ese momento xa arraigado entre a veciñanza. “Cada 17 de agosto subimos pola mañá, tocando e unha vez arriba comemos, cantamos, botamos a siesta... e cando se pon o sol, media hora antes, xuntámonos arredor da ermida para unha festa popular con foliadas. Collémonos das mans todos, un feixe de xente e tocamos ‘A marcha de Breixo’, dun vello gaiteiro de Cedeira”, explica  Rodríguez Arribe, que exerce de guía nesta baixada “cun ramallo en alto” para dirixir aos camiñantes. Tras del, 15 gaiteiros, sete acordeonistas e “pequenos e pequenas tocando a pandeireta e demais instrumentos de percusión”, xuntando a unhas mil persoas en cada descenso.

 

Premio Cantos de Taberna Xira Cedeira (1)
Cedida


O lonxevo líder deste descenso apunta que “moitos non van á Xira pero soben para despois baixar. É marabilloso porque, despois de 40 anos, agora van con nós os nosos fillos, os nosos netos, e todos saben as cancións”. Todo xurdiu dun grupo de amigos e, co paso do tempo, forma parte xa do imaxinario da vila cedeiresa.


Na gala na que se lle outorgou o recoñecemento vivíronse momentos de moita emoción. “Os de Maravallada aprenderon bastantes cancións de Cedeira e todo o Teatro Principal cantou o ‘Non sei’, unha das pezas máis marabillosas que se fixo na vila e cuxa letra imprimiron para lla entregar aos asistentes”, apunta Rodríguez Arribe.

 

Premio Cantos de Taberna Xira Cedeira (2)
Cedida


Os máis de trinta representantes que se desplazaron ata Pontevedra deixaron o listón ben alto. Unha vez rematado o acto, a festa e os cantos proseguiron, como non podía ser doutro xeito, nos bares da cidade. “Cantamos como tolos no teatro, dirixidos polo ramallo de Cedeira, e despois saímos tocando a ‘Marcha de Breixo’, e detrás de nós, 500 pontevedreses”, rememora “José de Vigo”.

 

 

 

Crónicas

O líder da baixada apunta á gran pegada da música tradicional na localidade e sinala que un dos momentos máis salientables desa volta á vila despois da romería vívese no barrio de Crónicas. “É o barrio dos mariñeiros e está sempre petado de xente esperando por nós”, apunta.


Esta animada peregrinaxe continúa até a Praza Roxa. “Xuntámonos cantidade de voces. É un momento moi feliz para nós.   Os rapaces pequenos pídenlle aos outros silencio cando se canta. Xa están absolutamente integrados en todo isto. Somos un, somos un pobo, cantando”, comenta con orgullo José Rodríguez Arribe”. 

Recoñecemento á Xira de Cedeira polo seu labor na difusión e enxalzamento da música popular

Te puede interesar