A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 372.845 euros as obras de rehabilitación do antigo hospital de peregrinos de Pontedeume, un inmoble histórico situado na rúa Atafona e construído polo arcebispo Raxoi no século XVII, a carón da igrexa de Santiago.
Os traballos serán financiados na súa totalidade pola Deputación da Coruña mediante fondos Next Generation do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, no marco do Plan de Sustentabilidade Turística (PSTD) das Fragas do Eume impulsado pola propia institución provincial.
A finalidade da actuación é a rehabilitación integral dun edificio, que actualmente se atopa en avanzado estado de ruína, para o seu uso como albergue de peregrinos. O inmoble era un antigo hospital no que se atendía aos peregrinos na súa viaxe a Santiago de Compostela.
Nas obras empregaranse materiais nobles e respectusos co edificio orixinal, como pedra e madeira. A intervención inclúe tamén a recuperación dos muros perimetrais existentes e a execución dunha cuberta tradicional similar á que tiña antigamente para adaptar a edificación ao seu novo uso. Planifícase un proxecto dunha única planta, preparado para unha futura ampliación, na que se incluiría unha planta intermedia, como lembran desde o ente provincial.
Con respecto ás instalacións interiores, o proxecto contempla renovar carpintaría e a arquitectura interior, un novo circuíto eléctrico e de telecomunicacións, así como a acometida de auga e saneamento. A superficie total da intervención é de 145 metros cadrados.
Recuperar o patrimonio
O alcalde de Pontedeume e portavoz do goberno da Deputación, Bernardo Fernández, destacou a importancia desta obra para “recuperar o patrimonio histórico de Pontedeume e, ao mesmo tempo, dotármonos dun novo albergue de peregrinos nun concello no que o Camiño de Santiago está a ter unha repercusión cada vez máis importante”, asegurou.
Desde o ano 2019, lembrou o rexedor, o número de peregrinos que percorre o Camiño Inglés pasando por Pontedeume incrementouse nun 50%.