O izado da bandeira cubana na Agrupación Instrutiva de Caamouco emocionou a Patricia Arés, bisneta da muller que onte homenaxeou a entidade que preside Dani García, Andrea López Chao. López Chao nacera hai 150 anos en Mondoñedo e emigrou a Cuba, onde deixou unha fonda pegada por moitas iniciativas, a principal, se cadra, a fundación do Hospital Hijas de Galicia de La Habana, hai un século. Foi, de feito, a primeira muller elixida para ocupar a vicepresidencia da institución.
A entidade organizadora preparou un acto á altura da protagonista, da que María Xosé Porteiro destaca que debera ocupar o mesmo chanzo que outras ilustres galegas que pularon pola igualdade, como Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán. “Non é o suficientemente coñecida”, remarcou Dani García.
Ademais da recepción, na que se implicou tamén o Concello de Ares, e do xantar, a xornada incluíu unha charla da bisneta de Andrea, Patricia Arés –doutora en Psicoloxía na Universidade da Habana–, titulada “Muller e familia: 100 anos entre a miña bisavoa e mais eu” e, deseguido, un coloquio ao que se sumaron a xornalista e escritora María Xosé Porteiro e mais o investigador e historiador Daniel Vázquez Vila. Tamén participou a cineasta galego-cubana Violeta Ramos Valdés, que presentou, a través dun teaser, o documental que está a preparar e que leva por título “O poder de educar: Andrea López Chao”. Julia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa de Ferrol, encargouse de moderar o acto.
Pola súa banda, Alma Barrón, concelleira de Cultura, exerceu de cicerone dos asistentes na Alianza Aresana, decana das escolas galegas fundadas pola emigración a comezos do XX.