Ataque Escampe: “Nunca hai que dar as cancións por rematadas completamente”

A agrupación que naceu na residencia universitaria de Santiago Monte da Condesa, actuará esta noite na Sala Guión
Ataque Escampe: “Nunca hai que dar as cancións por rematadas completamente”
A agrupación volta a Pontedeume despois de tres anos | Cedida

Non cabe dúbida de que na residencia universitaria Monte da Condesa (Santiago) xurdiron unha infinidade de historias. De feito, hai crónicas de amor escritas nos seus corredores, tamén de desilusión e desavinzas. Entre todos estes relatos está parte da vida da formación orixinal da banda Ataque Escampe.


A Sala Guión, en Pontedeume, acollerá esta fin de semana un concerto deste quinteto. Hoxe, a partir das 23.00 horas, poderase gozar dun directo que é segundo os organizadores, “dificil de esquecer. O seu espectáculo é a ristra de emocións que cabe esperar do grupo que leva desde 2008 escribindo a banda sonora do noso espazo tempo”. 


Eles, pola súa banda, confesan que é un pracer volver. “Temos un recordo moi bo da última vez que estivemos, hai tres anos. O espazo e o ambiente son realmente bos”, aseguran. 


Así, este sábado queren recuperar “esas sensacións agradables, pero ofrecendo unha música diferente á que presentamos naquel entón”. E é que na súa obra houbo cambios e, desde que estiveron no concello eumés, editaron un disco, pero ademáis interpelan a aqueles que coñecen os seus ritmos, avisando de que “hai algunha que se mantén no repertorio, pero seguimos traballando nos arranxos. Nunca hai que dar as cancións rematadas completamente”.


Desta maneira, explican que unha persoa que escoite actualmente “A vitoria”, atoparase con algo diferente, debido a que, agora mesmo, optan por poñerlle un punto de bachata, unha forma que tamén axuda aos músicos “a non aburrirnos moito, e como nós non o facemos, contamos con que o público tampouco o faga”, comentan entre risas.


Público


Ao final, o grupo leva case dúas décadas –nos que se sumaron novos músicos e outros se baixaron do barco– e son conscientes de que conseguiron un público fiel. “Ao levar tanto tempo, hai xente que está moi pendente. Igual non son moitos en cantidade, pero aqueles que nos seguen, teñen un gran compromiso e interese”. 


O traballo que hai detrás de cada concerto, de cada letra e de cada acorde teña sentido. “Os tempos de espera ou cargar material... o que fai que mereza a pena é o momento no que compartes aquilo que fas co público”.


E “cando funciona realmente ben, que nunca sabes con certeza cando vai ser, fai que en certos momentos haxa unha enerxía especial entre a xente que comparte o escenario, pero tamén cos que están aí”.  Así sentirá esta noite en Pontedeume. A calor de sempre, pero coa capacidade de sorprender.

Ataque Escampe: “Nunca hai que dar as cancións por rematadas completamente”

Te puede interesar