A partir das 11.00 horas, A Capela acolle mañá domingo unha das festividades máis lonxevas da contorna. A celebración adicada ao requeixo –produto insignia da zona– chega á edición número 34 e os veciños teñen un día moi ocupado por diante.
Dende a gran apertura, os da organización acordáronse dos máis pequenos –uns dos colectivos máis participativos e que agardan expectantes o evento– e teñen programado un pasarrúas, da man de Silbarda, e talleres e xogos infantís.
A medio día a cita é co protagonista do evento: o requeixo. Ás 12.00 horas comezará a venda de tíquets e o reparto de tarrinas. Media hora máis tarde terá lugar a misa.
Seguirán co pregón, programado para as 13.15 horas, cunha duración estimada de quince minutos. O discurso será a antesala para a sesión vermú, que contará coa actuación de Lenda Ártabra. O grupo trae un repertorio formado por unha mistura de cancións tradicionais con temas propios, nos que se poden entrever diferentes estilos musicais.
Pola tarde o ritmo non para. Dende as 16.00 ás 18.30 horas haberá xogos tradicionais con monitores, xincanas e buscas do tesouro con premio para aqueles que saian gañadores. Xunto con estas activiades comezará a actuación de Latexo percusión.
Ás 17.00 horas comezará o faladoiro Denominación de Orixe Protexida (DOP), xunto coa degustación de queixos, hora e media máis tarde terá lugar o show máxico de Cayetano Isledó.
A música da tarde virá da man dos Viqueiras. O grupo de gaiteiros precederá aos que pecharán a festividade por todo o alto. A actuación de Encrucillada está programada para as 19.30 horas.