A ancestral tradición da Rapa das Bestas viviu este domingo un novo capítulo no curro da Capelada, no municipio de Cedeira, coa celebración do evento co que, un ano máis, se puxo fin a unha semana de intenso traballo por parte dos besteiros para agrupar as mandas, desparasitalas e proceder ao corte das crinas e da cola para afrontar en mellores condicións a época estival e o ano que queda por diante ata o mes de xuño do vindeiro ano, cando volverá repetirse todo operativo.
Nesta edición, informaron desde a propia organización, contabilizáronse un total de 255 cabezas, o que supón unha cifra récord. Todas protagonizaban na mañá deste domingo a espectacular “baixada” ao curro desde un peche próximo ao mesmo no que pasaron a noite e no que xa durante a xornada do sábado comezábase cos traballos de desparasitado e da rapa, acción que onte cobraba, como vén sendo habitual, especial vistosidade no interior do curro ante a ollada do público que non quixo perderse a celebración.
“A verdade é que a baixada saiu moi ben. Empezamos un pouco máis tarde do previsto, sobre as once, pero en vinte ou trinta minutos xa estaban todas no curro”, comentaba Jorge Bellón, besteiro e membro da organización. Un éxito se se ten en conta, por exemplo, que o ano pasado foron precisas case dúas horas para chegar ao curro. “Saíu todo perfecto, ben de tempo, non se lastimou ninguén, houbo boa rapa e tamén bo xantar”, engadía.
E é que máis alá do que supón esta actividade de saneado e coidado dos animais que viven todo o ano en liberdade na enorme extensión natural que constitúe a serra da Capelada, e que desenvolven un importante papel para o coidado da zona, a xornada convérterse tamén nunha festa para os centos de persoas que cada ano achéganse a ver o espectáculos. Os cabalos foron tamén protagonistas pola tarde nas carreiras de galope estruturadas en dúas categorías, coas que se puxo o colofón á intensa xornada.
A Rapa, organizada a través da asociación San Andrés Eventos, conta co apoio do Concello de Cedeira. Tamén Endesa, a través da súa filial de renovables Enel Green Power España, colaborou á hora de renovar, xunto aos ganaderos da Capelada e de San Andrés de Teixido, o curro onde se celebra a cita. A compañía achegou 20.000 euros para remozar o peche de madeira e acondicionar a infraestrutura.