“Cine eterno” volta Narón, impulsado polo Padroado e Cineclube Serie B

“Cine eterno” volta Narón, impulsado polo Padroado e Cineclube Serie B
Un instante da presentación do ciclo, onte, no consistorio naronés I Cedida

A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado de Cultura, Marián Ferreiro, presentou onte xunto con Alberto Pena e Anabel Vera, presidente e secretaria do Cineclube Serie B, unha nova edición do ciclo “Cine eterno”, que fará as delicias dos cinéfilos dende esta mesma semana e até finais de outubro, coa proxección de seis películas –todas en horario de tarde, ás 20.00 horas, e con entrada de balde–.


A primeira das propostas é “Freaks”, un filme dirixido por Tod Browling, do ano 1932, e que chegou a ser retirada das pantallas durante trinta anos. Proxectarase este mércores día 20.


Na xornada do 27 de setembro poderase ver “Bienvenido Mr. Marshall”, de Luis García Berlanga (1953), unha película ambientada nos anos 50.


A terceira das propostas, o 4 de outubro, é “El apartamento”, dirixida por Billy Wilder (1960). Conta a historia dun empregado dunha compañía de Manhattan, solteiro, que presta en ocasións o apartamento no que reside aos seus superiores para as súas citas amorosas.


O ciclo continuará o día 11, coa proxección de “El golpe”, de George Roy (1973), protagonizada por dous timadores que queren vengar a morte dun amigo, asasinado por un gángster.


A coñecida “La vida de Bryan”, de Terry Jones (1979), é a terceira longametraxe do grupo de comedia inglés Monty Python e será a escolla para a sesión do 18 de outubro.


Por último, o ciclo pecharase co filme “Lost in translation”, de Sofía Coppola (2003), o 25 de outubro.


“Trátase dun ciclo con películas que calaron no imaxinario colectivo, de diferentes épocas e xéneros, e que merece a pena volver a ver na gran pantalla”, indicou Alberto Pena.


Ferreiro, pola súa banda, loou o labor do Cineclube Serie B por impulsar e difundir cine de calidade no municipio naronés.  

“Cine eterno” volta Narón, impulsado polo Padroado e Cineclube Serie B

Te puede interesar