Manuel Patinha reúne obras dende pintura até fotografía no Torrente

Este mércores estreouse a mostra da variedade artística desenvolta polo portugués afincado en Montecoruto
Manuel Patinha reúne obras dende pintura até fotografía no Torrente
O acto constituíu unha homenaxe ao autor no Torrente Ballester | JORGE MEIS

As obras máis descoñecidas do artista portugués afincado en Ferrolterra Manuel Patinha exhíbense no Torrente Ballester baixo o título de “Desassossegos 1970-2024”. A mostra inaugurouse este mesmo mércores nun acto no que se gabou tanto a súa traxectoria artística, que tocou moi diversos paus, como a dimensión persoal que está detrás das pezas.


Ana Martín, crítica de arte, estreou o evento realizando un repaso pola exposición, que constitúe “unha loita contra a mirada efémera, contra ese modo de querer contemplar o mundo a golpe de pestanexar”, advertiu. Así, o camiño que convida a facer o artífice, “comeza coa visión clásica duns bodegóns de aire tenebrista”, para ir “in crescendo” até chegar a unha segunda sala na que destaca, en cor, sobre un espazo branco e negro, a “ollada de Álvaro, o gran mecenas de Manuel xunto con Divina”, seguiu.


Do mesmo xeito, a crítica sinalou outra zona “dedicada ao poeta e amigo Pedro Antonio Pérez Bouza”, na que “a alma enteira parece espida, e mesmo o seu corpo”. Ana Martín deu conta do “afecto gravado no noso peito [polos presentes], con tanto agarimo como grava el as augafortes na sala do patio”. Sobre a parte pictórica da mostra, pódese apreciar un “universo de homes e mulleres dubitativos, flotando en escenarios imposibles”, até chegar á derradeira sala, “o ceo da arte”,  na que penduran cadros de gran formato que invitan á reflexión.


O académico de Belas Artes Xurxo Lobato, tomou a palabra para caracterizar a Manuel Patinha pola “súa capacidade de creación e non o medio que utiliza”, concretando o uso de materiais como “a madeira, a pedra, o lenzo ou o soporte fotográfico”. Sobre este último, destacou os 100 retratos de persoas centenarias que recolle o seu proxecto “Cen x 100”, aínda que persoalmente teña preferencia polos bodegóns, na que “aflora a súa formación pictórica”, continou.


A sesión continuou coa intervención do profesor Mariano Durán, que relatou datos do polifacetismo de Patinha, dende a súa faceta máis pública até outra menos coñecida. “Sus poemas, tan singulares como sus esculturas, nos ofrecen una mirada a su interior, a la sensibilidad de un creador que sabe captar la esencia del silencio, el peso del tiempo y el misterio de lo efímero”, valorou.


Manuel Patinha foi o seguinte, e utilizou a súa lingua nai para dirixirse, en primeiro lugar, antes que ás autoridades, ás que tamén constatou o seu aprezo, ao público. O artista, que admitiu non negar ser portugués mais adorar ser galego, fixo fincapé nos concellos de Ferrol e Narón, que o acolleron durante 47 anos, e que lle deron fillos e netos xa desta terra.


O conselleiro de Cultura, José López Campos, deu a remuda advertindo da súa viaxe pola Comunidade para ir ao acto, no que “o importante era a palabra de Patinha e a obra”, realizado “polo cariño que lle profeso”. Do mesmo xeito, atribuíu ao autor unha forte humildade, xa que, como “gran artista” que é, “espera que sexan os demais os que recoñezan o seu talento e a súa labor”.


Tamén participou Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, que preferiu valorar a faceta persoal máis que a artística, sobre a que xa deran detalles os profesionais precedentes, e que “iso se acaba transmitindo tamén á súa obra”. Así mesmo, concretou sobre o seu vínculo coa comarca, na foi acollido por primeira vez na Faísca e despois en Montecoruto.


O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, encargouse de pechar o acto, ademais de conducilo dende o inicio. A pesar dos premios que acumula nos dous territorios, “o mellor galardón que se pode obter é o de conectar co público a través das súas obras, algo que Patinha consegue con cada unha delas”, remarcou.

Manuel Patinha reúne obras dende pintura até fotografía no Torrente

Te puede interesar