O Concello das Pontes iniciou, a semana pasada, as obras de reurbanización da Praza da América co vaciado do interior da infraestrutura. Trátase dun ambicioso proxecto, cun orzamento de 569.606 euros, financiado pola Deputación da Coruñ a, orientado a ordenar o ámbito en termos de funcionalidade, seguridade e accesibilidade atendendo a criterios de calidade ambiental, de eficiencia enerxética e de sustentabilidade, apuntan desde o Concello.
Así, os eixes fundamentais da proposta para a Praza de América son, por unha banda, a recuperación dos valores orixinais perdidos, como son o papel protagonista da escola ou a relación coas rúas perimetrais e o carácter de tránsito do coñecido na vila como “Paseo dos Americanos”, e, pola outra, a creación de espazos útiles tanto para o uso diario como do ámbito do lecer, así como para a celebración de eventos.
A estratexia que se formulou para volver á configuración orixinal da praza implica a demolición do edificio da antiga biblioteca municipal e, unha vez suprimida esta barreira, a intención é que as vías perimetrais, recentemente urbanizadas, definan o relevo no interior da praza mediante a extensión das superficies, asimilando as súas pendentes e establecendo unha plataforma á mesma cota.
No nivel da avenida da Coruña, crearase un espazo diáfano de pavimento duro, totalmente libre de obstáculos, configurado como lugar no que se acollan diferentes tipos de eventos. Unha liña de arborado de castiñeiros das indias definirá sutilmente o límite entre o espazo da rúa e o ámbito da praza. Do outro lado do triángulo, no lateral leste, a área que xurde da prolongación do espazo público da rúa Castelao, concíbese como unha ampla ladeira verde. No ámbito intermedio, vencellado coa rúa Ramón Cabanillas, proxéctase unha zona de paseo protexida do ruído e do tráfico na que se crearán recunchos de estancia cun carácter máis intimista, reinterpretando o devandito “Paseo dos Americanos”, que estará franqueada por unha banda verde que resolverá a diferencia de cota.
Por último, apuntan desde o Concello que como medios para salvar o desnivel existente no lugar, faranse conexións puntuais como escaleiras e unha rampla accesible que conectará a avenida da Coruña co novo paseo, disporanse farois en columnas de alturas variables con proxectores LED, instalarase mobiliario urbano e as pertinentes redes de drenaxe e rego.
A Praza de América, situada no centro urbano do Concello das Pontes e ligado á historia recente da localidade, nace da man da construción da escola, o actual CEIP Santa María, no ano 1929 grazas á achega de fondos por parte da “Sociedad de Instrucción Naturales del Ayuntamiento de Puentes de García Rodríguez”, formada por emigrantes ponteses na Habana. A relevancia que tivo este equipamento foi o xerme de que os terreos situados na súa fronte se configurasen como un dos principais espazos de lecer da vila.