Comezan os traballos de prospección co xeoradar no xacemento mugardés de Noville

Comezan os traballos de prospección co xeoradar no xacemento mugardés de Noville
Na imaxe un momento dos traballos, onte, co xeoradar no xacemento romano de Noville | cedida

A concelleira de Cultura de Mugardos, Begoña Roldós, informou onte dos avances do proxecto de actuación arqueolóxica “Prospección xeofísica no xacemento romano de Noville”, elaborado pola Dirección Xeral de Patrimonio, e que ten como obxectivo principal identificar novas zonas con potencialidade arqueolóxica no xacemento da vila  mugardesa.


Roldós confirmou que nos últimos días realizáronse xa os traballos de roza e limpeza de vexetación arbustiva no lugar, sempre baixo control arqueolóxico, nunha superficie aproximada de 10.000 metros cadrados, e que onte deu inicio a realización dunha prospección xeofísica, mediante xeoradar, nunha superficie aproximada de 9.400 metros cadrados.


A concelleira confirmou que “mañá (por hoxe) será un día moi especial para os mugardeses e os amantes do noso patrimonio cultural, xa que ata o xacemento desprazarase Fermín Pérez Losada, responsable da dirección da primeira escavación, desenvolvida entre os anos 1988 e 1989, e que supuxo un fito no coñecemento deste tipo de establecementos na Gallaecia. De feito, os distintos métodos de intervención arqueolóxica empregados no seu estudo permitiron coñecer de forma case íntegra a planta dun edificio que pertenceu á denominada “pars urbana da vila”. A responsable de cultura quixo agradecer tamén á Dirección Xeral de Patrimonio o seu compromiso e a súa aposta pola valorazación da riqueza arqueolóxica mugardesa.


O xacemento de Noville está situado no Monte, na parroquia de Franza, e é un xacemento especialmente interesante para a súa futura posta en valor como recurso cultural e turístico polo seu excelente estado de conservación, xa que conserva estancias con muros de máis de metro e medio de altura. “Isto dálle unha monumentalidade que non resulta habitual en xacementos destas características”, como manifestou Roldós.


Así mesmo, o feito de que o xacemento presente unha planta de patio aberto en forma de U, moi pouco habitual na península ibérica, e que sexa un dos poucos xacementos romanos de Galicia do que se coñece o nome do posesor, fan de Noville un espazo dun elevado valor arqueolóxico, como precisan desde o Concello mugardés.


Unha vez rematados os traballos, realizados pola firma Trivium, programaranse as oportunas accións de difusión da actuación realizada (charlas, visitas, etc.). Igualmente, procederase á realización dunha memoria técnica da intervención na que se recollan os traballos realizados e os seus resultados, que se presentará ao remate dos traballos de campo.


Fondos europeos


Noutra orde de cousas, o concelleiro de Facenda e Participación, Miguel Mahía, informaba recentemente do comezo do expediente de adhesión do Concello mugardés ao Plan Xeral de Prevención de Riscos e Medidas Antifraude (Premadecor), que inclúe tarefas de prevención, detección e corrección do fraude e a corrupción, así como os posibles conflitos de intereses.


O plan ten como obxectivo garantir unha adecuada xestión dos fondos europeos Next Generation. 

Comezan os traballos de prospección co xeoradar no xacemento mugardés de Noville

Te puede interesar