Conta atrás para que Cabo Ortegal se converta en Xeoparque Mundial da Unesco

Conta atrás para que Cabo Ortegal se converta en Xeoparque Mundial da Unesco
Un instante da 216ª sesión do Consello Executivo da Unesco | UNESCO

A Comisión de Relacións Exteriores da Unesco ratificou nos últimos días a candidatura de Cabo Ortegal –e a de outros 17 territorios de todo o mundo– para se converter en Xeoparque Mundial. Despois de examinar toda a documentación presentada, o Consello Executivo reiterou a súa importante contribución para a conservación e protección do patrimonio xeolóxico. Será pois, o día 24, cando sexa aprobado finalmente durante a asemblea final.


Esta rede de xeoparques pasará nos vindeiros días a estar composta por 195 espazos de 46 países declarados como Unesco Global Geopark, “un selo ao mesmo nivel que o de Patrimonio da Humanidade”, apuntan os impulsores da iniciativa. O Xeoparque do Cabo Ortegal converterase deste xeito no segundo de Galicia, o primeiro da provincia de A Coruña e o único da Península Ibérica en obter este distintivo.


Tras anos de traballo, a candidatura foi presentada por primeira vez no 2020 ante a Comisión Nacional Española de Cooperación da Unesco, mais non foi seleccionada como candidatura oficial de España.  Un ano despois, no 2021, reformulouse o proxecto, sendo admitida como “candidatable” e obtendo, ademais, a maior das puntuacións.


O pasado exercicio, a proposta foi avaliada por dous auditores da Unesco –Chris Woodley- Stewart, director científico do North Pennines UGGp do Reino Unido e César Goso, coordinador científico do Grutas del Palacio UGGp de Uruguai–, que visitaron ademais o territorio para coñecelo in situ, en agosto.


Estes procesos de avaliación derivaron en informes técnicos positivos que foron elevados á Comisión Internacional de Xeoparques da Unesco que, en decembro de 2022, propuso a reunión do Consello Executivo para que se recoñeza ao Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial. Agora, o proxecto alcanza o seu momento cume coa asemblea celebrada hai un días en París.


Este distintivo non será permanente, polo que “hai que traballar constantemente para mantelo” e deberá pasar de novo por unha auditoría cada catro anos. 

Conta atrás para que Cabo Ortegal se converta en Xeoparque Mundial da Unesco

Te puede interesar