A Deputación da Coruña abriu onte o prazo de presentación de candidaturas para a sexta edición dos Premios PEL ás mellores empresas da provincia.
Tras seis anos de traxectoria, estes galardóns consolídanse “como unha das citas anuais de referencia para o sector empresarial e asociativo da provincia da Coruña, tanto polo elevado número de candidaturas que optan cada ano aos galardóns como pola elevada afluencia de asistentes que rexistran os actos de entrega dos premios ano tras ano”, destacan desde o organismo provincial.
O seu presidente, Valentín González Formoso, explica que o seu obxectivo é “recoñecer o esforzo e implicación das empresas, emprendedores, profesionais autónomos e asociacións empresariais da provincia no desenvolvemento económico e na creación de emprego territorio”.
As empresas gañadoras repartiranse un total de 72.000 euros en premios, 18.000 euros en cada unha das categorías. Galchimia, Diversa Technologies, Numax, Igalia, Porto Muíño, Bionix ou Evasa son algunhas das firmas gañadoras das pasadas edicións dos premios.
Ás xa clásicas categorías de Mellor iniciativa empresarial nova – para pemes, microempresas e autónomos que iniciasen a súa actividade empresarial en 2023 ou 2024 e se constituísen ou estean dadas de alta no RETA neses anos– e Mellor iniciativa empresarial consolidada – para pemes, microempresas e autónomos que iniciasen a súa actividade en 2019 ou con anterioridade e se constituísen ou desen de alta no RETA no mesmo período– súmase nesta edición a de Mellor iniciativa empresarial verde.
Esta terceira categoría establécese como recoñecemento da labor das pequenas e medianas empresas, microempresas, autónomos, asociacións, clústeres empresariais e concellos que conten con proxectos que teñan por obxectivo a transición ecolóxica e enerxética, a loita contra o cambio climático, a agricultura sustentable, a protección do medio ambiente, a preservación da biodiversidade, a economía circular e o uso eficiente dos recursos.
A convocatoria deste ano conta tamén con outra novidade: o establecemento dunha categoría de premio a proposta do xurado. Este outorgará un recoñecemento á mellor iniciativa transformadora do rural, destinada ás entidades que impulsen cambios reais no ámbito socioeconómico.