A Deputación concedeu 18 axudas a outras tantas entidades deportivas de Ferrol, Eume e Ortegal para que poidan financiar os custos de novo equipamento ou os traballos de mellora das súas instalacións. A inversión ascende en total a 153.493,09 euros.
Así figura no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do pasado día 27, no que se recolle que o organismo provincial aprobou aportacións a un total de 60 entidades.
Os importes van desde os 3.800 euros ata un máximo de 14.000. O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou no día de onte que estes fondos supoñen “unha importante ferramenta de tracción para que poidan levar a cabo a súa actividade diaria, na que é preciso que dispoñan de materiais, equipamentos e instalacións acordes ás súas necesidades”.
Ademais, lembrou que esta liña de axudas medrou con respecto á cantidade concedida no pasado exercicio. No caso de Ferrolterra, as cuantías van desde os 4.000 euros que recibirá o Club Esmelle –para a adquisición de soportes para almacenamento de bicicletas de montaña– ata os 13.500 do Club Náutico Ría de Ares –para equipamento da Escola de Vela–.