Doso recrea este sábado de novo un dos traballos agrícolas propios desta época do ano, a esfolla do maínzo. Farao cunha festa na pista polideportiva que comezará ás cinco da tarde e terá atractivos etnográficos, musicais e gastronómicos dabondo. Ademais, animan ás persoas que se acheguen a que o fagan vestidos con roupa propia doutras décadas, axeitada para dar vida a como era este labor manual cando se facía de xeito comunitario e implicaba tamén unha boa troula.
A actividade comezará ás cinco da tarde coa saída dos carros cargados coas mazarocas de maínzo desde o rueiro da Braña ata a pista polideportiva. Alí, baixo carpa, iniciarase a esfolla ás 18.30 horas, aberta á participación de quen o desexe e que inclúe a cuarta edición do campionato de debagado. Gaña quen sexa capaz de deixar sen graos o maior número de mazarocas nun tempo determinado.
Na pista haberá un obradoiro de bonecos feitos coas follas do maínzo e verase unha exposición cos traballos elaborados nestes días polo alumnado dos centros educativos da localidade. A ambientación musical correr por conta dos grupos do Padroado.
O apartado gastronómico quedará ben cuberto cunha chocolatada na que se prepararán uns 50 litros que se servirán ao longo da tarde. Pepucha Calvo, unha das veciñas que se encarga de cociñalo desde hai máis de vinte anos, participou onte na presentación da esfolla no Concello, coa alcaldesa, Marián Ferreiro, e con Diana Lata, integrante da asociación veciñal A Naveira, impulsora, co Padroado, desta cita clásica. Ferreiro subliñou a importancia de “manter viva esta tradición e transmitila.
Non faltará o concurso de sobremesas que, unha vez valoradas, poderán ser degustadas. Os premios entregaranse ás oito da tarde, logo da actuación da charanga Alxibeira. A última hora, 20.45, será a formación Nimbos a que tome o relevo.