A Revolta Popular que levaron a cabo os veciños e veciñas de varios concellos da comarca pola fame que sufrían e pola súa propia dignidade, en marzo do 1918, conmemorouse este domingo en Sedes, onde comezaran as pedradas que motivaron o sobrenome do movemento. O acto, que se enmarca no 107 aniversario destes acontecementos, comezou cunha palestra que puxo o foco na realidade sociopolítica actual e rematou cun xantar en convivencia ao que se foron sumando varias familias.
Xa pola mañá reuníronse arredor de 50 persoas, que encheron o espazo dispoñible no centro cívico, interesadas no coloquio “Miradas rebeldes para tempos convulsos”. Este primeiro punto do programa foi presentado por Dani Cánovas, presidente da AC Vai Rañala Meu, unha das entidades que forman a comisión conmemorativa, que foi creada polo centenario da revolta.
A vicepresidenta do Parlamento Galego e responsable de relacións internacionais do BNG, Monste Prado, continuou conferenciando unha visión de contexto, na que concretou posibles actuacións tanto a nivel galego como individual.
Segundo sinala Cánovas, a palestra serviu “para reflexionar sobre os tempos que estamos a vivir agora mesmo e os cambios que se están dando a nivel global” nas democracias parlamentarias europeas, que se ven afectadas “pola creación dunha serie de idearios” que fomentan “un pensamento único”.
Coa participación do público, na sesión concluíuse que existe unha tendencia de bipolarizar un mundo que “está cheo de grises”. Así mesmo, no encontro destacáronse outros trazos de alcance universal como é a rexencia da economía, en detrimento doutros factores sociais intrínsecos como os dereitos humanos ou das mulleres, entre outros.
“Non importa que caia unha democracia sempre que o que haxa detrás sexa un beneficio económico, tanto a nivel monetario como de materias primas para exercer un poder”, exemplifica o presidente de Vai Rañala. Aínda que antes do centenario (2018) xa se realizaran algunhas accións, os 100 anos cumpridos motivaron intensificar a aposta por manter viva a memoria dos feitos. As autoridades responderon asasinando ás persoas que se rebelaban contra a suba desmesurada dos prezos dos bens de primeira necesidade.
“O movemento popular levantou un monolito para honrar as vítimas que foi derrubado coa entrada do franquismo”, relata Cánovas sobre a razón dupla de instalar a estatua do escultor nedense Carlos García na feira do Trece. Neste monumento colocouse unha ofrenda de flores e unha coroa de loureiro, antes do xantar en comunidade.
A organización, que advirte da súa intención de propoñer programas máis extensos en lembranza da Revolta Popular como xa fixera en anos anteriores, puxo a disposición dos interesados un menú completo e tamén a posibilidade de xuntarse traendo a súa propia comida.