O afamado Pemento do Couto será esta fin de semana o protagonista da festa gastronómica que desde hai xa vinte e tres edicións se celebra na devandita parroquia naronesa. A programación comezará o sábado no centro cívico social cunha demostración culinaria, con elaboración de varias receitas, a cargo de Adrián Pérez, xefe de cociña do restaurante Sinxelo. Será a partir das 19.00 horas e a participación é libre ata completar o aforo.
Ao día seguinte, terá lugar a xornada central, na que serán cociñados 250 kilos de pementos cedidos pola Cooperativa do Val, que colabora así co evento organizado polo Concello de Narón e apoiado tamén pola AVV do Couto e a Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto. Elvira Fontán, integrante deste último colectivo, encargarase de conducir o acto que o domingo, ás 13.00 horas no centro cívico social, incluirá o pregón do prestixioso e televisivo cociñeiro Xoanqui Ameixeiras.
Sobre as 14.00 horas dará comezo a degustación gastronómica, no que o afamado produto irá acompañado churrasco, cachelos, pan, auga, viño, café ao tizón e sobremesa. Os tíckets poden adquirirse a prezos populares no Centro Cívico Social do Couto –de 18.00 a 23.00 horas de luns a domingo–, ou chamando ao número de teléfono 981 390 778 e, no caso de que non se esgoten, poderanse adquirir o propio día da festa, antes do xantar. A partir das 16.30 horas haberá baile co Dúo Aixa e de 17.00 a 19.00 horas xogos populares.