A programación musical do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira completarase con dous grupos locais: Os Carecos e Covagueira. Ámbolos dous poñerán o domingo 16 o broche de ouro á cita xunto a Xabier Díaz.
“Desde o comité organizador queremos poñer en valor a calidade das nosas formacións locais, colocándoas onde se merecen, á altura do resto de agrupacións internacionais. O noso obxectivo segue sendo o de poñer en valor a nosa cultura e ninguén mellor para facelo que a xente que creceu vivindo o festival”, destaca o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad.
Os Carecos son un grupo de pandereteiros formado por Samuel, Diego e Carlos, que ao longo dos anos levaron as súas raíces e o nome de Ortigueira e Cariño por moitos lugares de Galicia.
Covagueira, pola súa banda, naceu en 2015 no seo da Escola de Gaitas de Ortigueira, evolucionando desde entón en diversos formatos ata chegar en 2019 á formación actual, con novos instrumentos e sons.
Así mesmo, desde a organización do festival destacan a presenza na vila, o vindeiro 24 de xuño, do compositor, produtor e músico vasco Kepa Junkera, que regresa deste xeito ao municipio para presentar no Teatro da Beneficencia o seu documental e libro “Berpiztu”, no que repasa a súa vida e carreira discográfica.
“Kepa sempre estivo ligado a Ortigueira; en canto coñecimos o seu novo proxecto, converteuse nunha das nosas prioridades para este ano”, apunta o concelleiro do Festival, Ángel Lozano.