Os Concellos de Narón e Fene izarán no día de hoxe a bandeira galega nun acto expansivo promovido pola Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza Vía Galega –conformada por 61 entidades que apostan por impulsar iniciativas que propaguen e popularicen os símbolos nacionais–. Así pois, no caso naronés terá lugar coincidindo co día da localidade, ás 12.00 horas, na Casa da Cultura, e participarán representantes da corporación local. Lerase un manifesto sobre a patria galega, a súa historia e a súa galeguidade.
Namentres, a proposta secundarase no concello veciño de Fene á mesma hora, neste caso en San Marcos, ao carón do local veciñal da Asociación Santo Samarco. Esta data lembra a celebración da I Asamblea Nacionalista Galega de 1918, organizada polas Irmandades da Fala, e cuxas propostas, aprobadas hai 106 anos, “seguen a ter plena vixencia na loita por un autogoberno galego”.