O Concello de Narón, a través do seu concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, destacou no día de onte o éxito da campaña “A túa vella bici vale un sorriso”, impulsada coa colaboración do Centro de Recursos Solidarios do municipio.
O edil naronés quixo agradecer a implicación e colaboración dos veciños e veciñas nesta iniciativa promovida un ano máis a través do equipo de Educación Viaria de Narón, conformado por Pedro Caneiro e Sonia López.
A través deste programa recolléronse un total de 184 bicicletas, ademais de tres “correcorre” e dous patinetes.
Do material recollido, tal e como apuntou o Consistorio, 95 bicis entregáronse á asociación AGA Ucraína, que as levará ao seu destino, “para que as nenas e nenos do país, asolado por unha cruenta guerra, poidan recibir tamén material doado nesta campaña local”.
Do mesmo xeito, entregáronse 60 bicicletas a centros de ensino da cidade, coas que realizar actividades nas citadas instalacións; outras 15 entregáronse a familias vulnerables da cidade e as restantes 14, tres “correcorre” e dous patinetes, entregaranse nos vindeiros días aos centros de ensino que as precisen.
O edil naronés agradeceu a colaboración do Centro de Recursos Solidarios, da asociación AGA Ucraína, do establecemento BikeWorks Narón pola posta a punto do material e “como non, de todas as familias que se sumaron á iniciativa, entregando bicicletas, correcorre e patinetes en moi bo estado que agora poderán desfrutar nenas e nenos de familias que atravesan unha situación de vulnerabilidade”, indicou.