A campaña solidaria “A túa vella bici vale un sorriso” leva recollidas ata o momento 150 bicicletas, que se enviarán en parte á poboación ucraína. Esta iniciativa solidaria lévase adiante desde o Concello, en colaboración co Centro de Recursos Solidarios e co establecemento Bike Works de Narón, e inclúe tamén patinetes ou correcorres.
“O ano pasado xa colaboramos con envío de material a través do Centro de Recursos Solidarios e está previsto que o vindeiro luns saian parte das bicicletas recollidas cara á Coruña, desde onde, a través da asociación AGA Ucraína, levaranas ao seu destino”, explica Román Romero, concelleiro de Seguridade Cidadá.
Outra parte deste material destínase ao Centro de Recursos Solidarios e, en función da demanda que teñan, irán parar tamén aos centros de ensino, que os precisan para utilizar nos tempos de descanso.
O prazo de entrega de vehículos aínda non rematou. Pode facerse ata o 4 de xaneiro no Concello –na planta de acceso, no departamento de Educación Viaria–, os días laborables, en horario de mañá. Tamén se poden entregar no establecemento Bike Works (situado en Estrada de Castela, 453), onde se lles fará unha posta a punto.