San Sadurniño acollerá o domingo 27 de abril a vixésimo oitava edición da Feira da Plantación. O evento, que terá lugar no paseo fluvial e na contorna da Cortiña, busca poñer en valor a produción da planta e a flor, ademais de ofrecer unha plataforma de venda para a produción e a artesanía da zona.
Para poder participar na cita cun posto é necesario presentar unha solicitude antes do vindeiro 15 de abril. Pódese facer no Rexistro municipal, na Sede Electrónica ou por correo postal –Concello de San Sadurniño, O Casal 15, 15560–.
O executivo local indica que este ano, ademais, haberá dúas novidades: os postos de artesanía deberán estar inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta e os produtos que se anuncien como ecolóxicos, contar coa certificación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Creaga).
As tarifas, como é habitual, variarán segundo o espazo solicitado –cun máximo de 15 metros lineais para aqueles postos convencionais e de 25 para os viveiros e a maquinaria–. Ademais, as entidades sen ánimo de lucro poderán participar de balde.
O Consistorio sadurniñense ofrece tamén a posibilidade de se encargar da montaxe da carpa e/ou toma de corrente, o que implicará que se teña que pagar unha taxa superior.
A feira abrirá desde as dez da mañá até as 19.45 horas e, máis aló dos postos, ofrecerá ao visitante outro tipo de actividades complementarias. Haberá, pois, obradoiros, actuacións musicais, demostracións ou sorteos. Tamén se obsequiará a todas as persoas que se acheguen ata a Cortiña cunha bolsiña cunha planta ornamental –grazas á colaboración de Vivergal–.