A importancia da lingua escollida para os ritos funerarios de distintas confesións relixiosas, a súa pegada cultural e antropolóxica e a nosa relación con ese momento a través da nosa lingua serán os eixes dos XXVI Encontros para a Normalización Lingüística, Vivir e perdurar na nosa lingua, organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Lingua. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o secretario xeral da Lingua, Valentín García e un dos coordinadores, Bernardo Penabade abrirán esta cita presencial que poderá seguirse en directo no sitio web do CCG e as súas redes.
“Durante cinco séculos, entre o final da Idade Media e o comezo do XXI, os cemiterios dos territorios de cultura galega foron campos vedados para a expresión escrita da lingua común ás persoas defuntas e ás súas familias. Nin rastro de certas palabras, feitas tabú nese contexto: nin ‘fillos’, nin ‘netos’, nin ‘xenros’, nin ‘noras’... Mais esta situación anómala está a mudar”, asegúrase no texto de presentación desta xornada.
O primeiro relatorio será o do teólogo e escritor galego Manuel Regal Ledo, co tema “Reflexión sobre a significación da lingua escollida para os actos funerarios: seguir presente ou desaparecer”; despois será a quenda do xornalista David Canto Veiga coa intervención “Panorámica do uso da lingua nos rituais funerarios. Porcentaxes xerais e identificación dos lugares de referencia positiva”. Ambos estarán moderados por Anxos Sobriño, presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).
A mesa coloquio posterior versará sobre a presenza do galego nos actos funerarios das confesións relixiosas maioritarias. Para isto contarase coa presenza de representantes de entidades como a Arquidiocese de Santiago de Compostela, a Unión de Comunidades Islámicas de Galicia e o Consello Evanxélico de Galicia, nunha conversa moderada polo docente e membro da comisión técnica do CDSG Bernardo Penabade.
Xa na quenda da tarde será o momento dunha mesa coloquio ao redor dos servizos funerarios e a lingua empregada nestes, a súa demanda, os recursos das empresas para atendela e a incidencia das iniciativas normalizadoras do sector. Participarán Jorge Balado Blanco, da Asociación Galega de Servizos Funerarios; Manel Pardo de Lindeiros; Ana Fabeiro, empresaria de arte floral, e a responsable de Luz Verde Eventos, Rocío Vázquez. Estarán moderados na conversa por Mónica Fernández, do CDSG.
Na última mesa de traballo presentarase unha selección de intervencións e recursos dinamizadores deseñados para o eido dos actos funerarios. Os relatores serán Yoani Jartín Salgado, que amosará o tema “Visitas patrimoniais aos cemiterios de Meira”; logo virá Manuel Campos Sanmartín, co “Día da Restauración da Memoria Lingüística”, e pechará Marta Besada coa súa presentación “Galeg@ para sempre”. A mesa estará moderada por Ana Iglesias, pertencente ao CDSG. A xornada pecha coa ruta guiada “As mil caras da morte compostelá”, conducida por Manuel Gago, director do portal de divulgación cultural culturagalega.gal, que tratará o tema das culturas da morte na trama urbana de Santiago.
No web corporativo do CCG está dispoñible un documento con recursos en liña para liturxias relixiosas en galego, exemplos de mandas e epitafios, ademais de exemplos de proxectos de normalización lingüística sobre a liturxia do falecemento elaborados por varios concellos e dous centros de Educación Secundaria. Ademais, produciuse un vídeo promocional destes Encontros no cal se reproduce unha selección de pezas literarias en relación coa morte e a transcendencia, como a fórmula empregada no medievo para os testamentos; o “Epitafio a Noriega Varela”, de Álvaro Cunqueiro, e pequenas composicións de Rosalía de Castro ou Fina Casalderrey, entre máis autorías.
O evento insírese dentro do marco dos Encontros para a Normalización Lingüística, iniciados no ano 1993 e consistentes nunha xornada de periodicidade anual impulsada polo Consello co obxectivo de promover e dinamizar o galego para toda a sociedade. En edicións anteriores tratáronse temas como a economía, lingua e sustentabilidade, a arte e a lingua como ferramentas de construción masiva ou a transmisión interxeracional da lingua galega. O CCG quere ser, deste xeito, un espazo de diálogo, información, reflexión e proposición ao redor da lingua de Galicia e os diversos aspectos que a rodean, a súa sociedade, os seus retos e perspectivas para o seu futuro. Os Encontros están coordinados pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, David Cobas Medín, Mónica Fernández Valencia, Ana Iglesias Álvarez, Manuel Maseda Deán, Susana Mayo Redondo, Bernardo Penabade Rei, Bieito Silva Valdivia, Anxos Sobriño Pérez, Marta Souto González e Xaime Varela Sieiro.