O uso da lingua galega nas prácticas funerarias en Galicia ten experimentado unha progresiva normalización grazas ao impulso de diversas iniciativas. ”Percíbese un avance nas necrolóxicas publicadas nos medios, cun uso entre o 5% e o 10%” e “a presenza do galego nos cemiterio chegou a acadar un 20% nalgúns concellos” apuntan as conclusións dos XXVI Encontros para a Normalización Lingüística, cita organizada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG), feitas públicas este luns.
As conclusións destacan que, tradicionalmente, o uso do galego nas prácticas funerarias se limitaba ás homenaxes de figuras da política e da literatura. Pero grazas ao impulso de diversas iniciativas nos anos 90, como foron os casos do “Bienio Irmandiño” e “En galego agora e sempre”, iniciouse un camiño de normalización. Actualmente, o galego está presente en diversas prácticas funerarias, tanto nas áreas urbanas como nas rurais, coa lingua propia xa presente en liturxias, cerimonias civís, necrolóxicas, inscricións en lápidas, bandas florais... con todo “persiste unha falta de planificación institucional que involucre de xeito coordinado a todas as confesións relixiosas no emprego da lingua galega” sinalas o documento. Segundo os datos recollidos de maneira colaborativa e que se plasman nun mapa interactivo, obsérvase que a presenza do galego nos cemiterios oscila entre o 0% e o 20%, segundo a localización. Percíbese un avance nas necrolóxicas publicadas nos medios, cun uso entre o 5% e o 10%. Segundo figura na documento, “a crecente concienciación das familias, a profesionalización das empresas funerarias, o labor de divulgación nas escolas e a maior receptividade por parte do clero actual” son as causas que xustifican este incremento.
As conclusións inclúen varias recomendacións. Comeza reivindicando “un labor planificado de impulso da lingua con visión de longo prazo e avanzando progresivamente”. Tamén consideran urxente, planificar cursos de formación en lingua galega “para os oficiantes (curas, pastores, imáns...) que proceden de fóra, como unha vía de facilitar a súa integración na comunidade”. Instan á colaboración da Secretaría Xeral da Lingua para traballar coas diferentes confesións na “organización e financiamento destes cursos, que deberían incluír unha parte actitudinal e de conciencia lingüística. Esta formación é de especial relevancia, dado o poder galeguizador que os representantes relixiosos poden exercer; abonda con observar exemplos coñecidos de curas que conseguiron naturalizar e normalizar o galego na igrexa simplemente a través do seu uso”.
Xunto a isto, suxírese a creación de materiais audiovisuais atractivos, ademais de outros formatos accesibles para conectar coas novas xeracións, difundíndoos nas redes sociais. Ademais, o texto subliña a necesidade de asegurar que o material en galego dispoñible alcance unha maior distribución. Tamén se recoñece a oportunidade para reforzar o valor do galego como identidade cultural, para enfocar así o idioma con valores que vencellen ao individuo cunha tradición, autoestima e a pertenza a unha comunidade. Recoméndase, así mesmo, reforzar estes valores con exemplos de boas prácticas e comportamentos exemplares.
As conclusións tamén inciden na importancia de promover convenios con outras confesións relixiosas dada a súa evolución crecente a nivel cuantitativo. Insta a facelo a través de convenios que permitan a incorporación gradual do galego nas súas prácticas doutras confesións. “Aínda que estas mostran receptividade, a falta de coñecemento e a escasa concienciación dificultan o proceso” di o texto. A galeguización destas confesións podería representar unha nova vía para a expansión do uso da lingua.
Por último, tamén pretende achegarse ao sector empresarial, para que vexan o galego como unha opción de calidade nas súas prácticas. Para iso, recomenda o texto, é necesario facilitarlles recursos (programas informáticos, por exemplo), para que a xestión en galego non supoña un esforzo engadido. Este traballo pode ir unido a unha campaña publicitaria de concienciación do uso do idioma neste ámbito.
O pasado 15 de outubro tivo lugar XXVI Edición dos Encontros para a Normalización Lingüística baixo o título “Vivir e pendurar na nosa lingua”. Esta cita, iniciada no ano 1993, pretende promover e dinamizar o galego para toda a sociedade. En edicións anteriores tratáronse temas como a economía, lingua e sustentabilidade, a arte e a lingua como ferramentas de construción masiva ou a transmisión interxeracional da lingua galega. O CCG quere ser, deste xeito, un espazo de diálogo, información, reflexión e proposición ao redor da lingua de Galicia e os diversos aspectos que a rodean: a súa sociedade, os seus retos e as perspectivas para o seu futuro. Os Encontros foron coordinados pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, David Cobas Medín, Mónica Fernández Valencia, Ana Iglesias Álvarez, Manuel Maseda Deán, Susana Mayo Redondo, Bernardo Penabade Rei, Bieito Silva Valdivia, Anxos Sobriño Pérez, Marta Souto González e Xaime Varela Sieiro.