O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, mostrou este xoves o "compromiso" da Xunta para que a actividade cultural "estea ao alcance de todos os galegos e galegas", independentemente de lugar no que residan.
Así o fixo en Boqueixón, nunha visita á contorna do Pico Sacro, do que dixo que se trata de "un referente cultural e natural" e dunha paraxe que ten solicitada a declaración de Ben de Interese Cultural.
López Campos afirmou que desde o Goberno galego traballa para mellorar as infraestruturas culturais e para facilitar o acceso á cultura a todas as persoas "sexa cal for o seu lugar de residencia", en liña cos obxectivos da recente Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.
O conselleiro desprazouse ademais a varios centros socioculturais da localidade, sobre os que puxo en valor o "importante papel que desenvolven para dinamizar non só a vida cultural, senón tamén social das zonas rurais".