O obradoiro "A tiro de verso" fomenta a lectura da poesía en galego

O obradoiro "A tiro de verso" fomenta a lectura da poesía en galego
A tiro de verso

O departamento de Cultura da Deputación da Coruña promove a segunda edición deste obradoiro, coordinado por Apiario, ao abeiro do Premio González Garcés de Poesía.

 

A cita será semanal durante catro mércores de outubro, os días 9, 16, 23 e 30, e participarán autoras actuais como Emma Couceiro, Chus Pato, Miriam Ferradáns e Celso Fernández Sanmartín

 

A inscrición é de balde e única para as 4 sesións e as prazas limitadas ata 20 persoas.

 

Fomentar a lectura de poesía en galego é o obxectivo da segunda edición do Obradoiro que promove o departamento de Cultura da Deputación da Coruña ao abeiro do Premio González Garcés. Estará coordinado por Apiario baixo o título “A tiro de verso" e comezará o mércores 9 de outubro na Biblioteca provincial da Coruña.

 

Durante catro sesións, o obradoiro será un espazo para achegarse á palabra poética, fornecido de lecturas que abranguen dende a obra de González Garcés ata a poesía última. Atallar os prexuizos co xénero e afondar no acontecemento poético, atendendo a teorías que nos poñan en contacto coas poéticas máis relevantes das últimas décadas. Todo isto para deternos en conceptos como silencio, música do poema, poder de suxestión, evocación, corte do verso, imaxe…

 

Está dirixido a persoas interesadas en aproximarse ou afondar na poesía galega e en adquirir ferramentas para gozar da súa lectura. A cita será semanal, ás 19:00h, durante catro mércores: o 9, 16, 23 e 30 de outubro.

 

Poetas participantes
Cada sesión contará coa visita de poetas actuais que achegarán a súa obra e visión da poesía aos participantes: Míriam Ferradáns, Emma Couceiro, Celso Fernández Sanmartín e Chus Pato serán os convidados desta segunda edición.

 

Ademais, as persoas participantes no obradoiro rematarán a formación cunha listaxe de libros de poesía recomendados por Apiario e exemplares dos últimos Premios González Garcés da Deputación da Coruña.

 

A inscrición é de balde con prazas limitadas ata 20 persoas. O prazo para inscribirse abre o mércores, 25 de setembro, a través do formulario online que se activará neste enlace.

 

Neste 2024, a área de Cultura da Deputación da Coruña segue apostando por reforzar as convocatorias dos seus premios literarios con actividades paralelas que fomenten a lectura e contribúan a tecer unha rede de espazos arredor da literatura. 

O obradoiro "A tiro de verso" fomenta a lectura da poesía en galego

Te puede interesar