Pilar García Negro, Nova Escola Galega e o IES Rafael Dieste da Coruña, gañadores do XV Premio Rosalía de Castro de Lingua

O xurado recoñeceu a labor das tres propostas premiadas na promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico de Galicia, tanto no ámbito territorial da provincia coma no resto do país
Pilar García Negro, Nova Escola Galega e o IES Rafael Dieste da Coruña, gañadores do XV Premio Rosalía de Castro de Lingua
Xurado do Premio Rosalía

A escritora, sociolingüista, política e profesora Pilar García Negro, na categoría A, para persoas; o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, na categoría B, para entidades, e o proxecto Aquí tamén se fala, promovido polo IES Rafael Dieste coruñés, na categoría C, as das iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade, son as tres propostas gañadoras do XV Premio Rosalía de Castro de Lingua, que convoca a Deputación da Coruña.

 

O xurado, presidido pola deputada de Lingua, Soledad Agra, formárono Daniel Romero, Borja González —representante da comunidade en redes en lingua galego Orgullo Galego— e Francisco Cedeira, Pakolas, gañadores da pasada edición do certame nas categorías A, B e C, respectivamente. Como secretaria actuou Dores Sánchez Alegre, técnica de normalización lingüística da Deputación.

 

Na categoría de persoa, o xurado decidiu premiar a García Negro “polo seu firme compromiso co galego en todos os lugares e en todas as circunstancias, o que lle custou multas e expedientes”. “García Negro é”, valorou o comité avaliador, “unha das voces pioneiras e máis autorizadas en temas de sociolingüística e planificación lingüística. E na súa etapa como parlamentaria desenvolveu un intenso labor centrado nos usos sociais do galego e ela mesma impulsou iniciativas para modificar e facer cumprir a Lei de normalización lingüística”.

 

Na categoría de entidades, o xurado salientou da Nova Escola Galega (NEG) “a súa importancia como movemento de renovación pedagóxica referencial no noso país que desde as primeiras etapas da súa traxectoria e ata a actualidade, que teimou por vincular a normalización lingüística e curricular no ensino, con froitos tanto na didáctica da lingua como nas estratexias sociopolíticas e técnicas de galeguización, nas obras de literatura infantil e xuvenil ou nos traballos en campos como o das ciencias sociais, as ciencias naturais ou as TIC”. Para o xurado, “a acción do colectivo Avantar, un dos constituíntes de NEG, marcou unha liña nas orientacións metodolóxicas, asignándolle á lingua o papel de ferramenta básica no proceso de recuperación e normalización lingüística e cultural. Os libros “O noso galego”, coordinados por Agustín Fernández Paz e Xosé M. Lastra Muruais, non só foron os primeiros materiais para o ensino regrado do galego, senón tamén referentes da renovación pedagóxica ao introducir na escola os medios de comunicación, a música propia, a linguaxe inclusiva ou o cómic”.

 

Na categoría de proxecto concreto de dinamización lingüística que realiza un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade, o xurado escolleu a proposta de Aquí tamén se fala, promovido polo EDNL do IES Rafael Dieste da Coruña, “por ser a maior campaña de dinamización da lingua galega da historia exercida activamente pola mocidade”. “Trátase”, destacou o comité, “dun modelo pedagóxico en prol da lingua que nace dentro dos muros dun centro educativo mais coa vocación de os transcender e chegar a toda a sociedade e a todos os ámbitos”. O xurado puxo tamén en valor as “novas e ambiciosas” liñas de actuación do proxecto:

  • Acción de rúa.
  • Consecución de apoios e compromisos por parte dos principais clubs deportivos de Galicia.
  • Viralidade en redes a partir das reflexións sobre lingua por parte de referentes culturais galegos e internacionais, formación do alumnado no sector audiovisual para elaborar entrevistas e gravacións musicais con bandas da escena en lingua galega.
  • Creación dun festival musical aberto á cidadanía e monolingüe en galego.
  • Pílulas sociolingüísticas e audiovisuais protagonizadas polo alumnado e a comunidade educativa.
  • Un traballo que naceu coa vocación de ficar, manter liñas de traballo e programar novas para os próximos anos.

 

Pilar García Negro, Nova Escola Galega e o IES Rafael Dieste da Coruña, gañadores do XV Premio Rosalía de Castro de Lingua

Te puede interesar