Suso Basterrechea, artista ferrolán: "Creo na arte como elemento transformador"

Suso Basterrechea, artista ferrolán: "Creo na arte como elemento transformador"
Suso Basterrechea na entrada da súa exposición no Torrente Ballester | Jorge Meis

“Son unha persoa incoherente” é o título da última exposición de Suso Basterrechea –Ferrol, 1968–, que volve ao Centro Torrente Ballester case década e media despois.

 

Cal é o enfoque e que diferenzas hai con respecto á mostra de 2010?

 

A principal idea é case de carácter emocional. Desde 2010 expuxen en Compostela e Madrid e recibín premios importantes como o Estampa ao mellor stand de debuxo, pero tiven un lapsus en que me dediquei máis á política. Levaba moito tempo sen reencontrarme co público ferrolán e, cando xurdiu esta posibilidade, aceptei de boa gana. A exposición é un resumo de varias etapas da miña produción artística e unha vista cara adiante. Eu estudei Belas Artes en Sevilla, na especialidade de pintura, pero dinme a coñecer en Galicia como escultor. Estou algo esgotado co debuxo, pero ao mesmo tempo gózoo. Estou intentando retornar a unha arte un pouco máis fría, industrial. 

 

Os debuxos son ferramentas ou instrumentos cos que eu traballo despois en instalacións. Odio iso de obra terminada, obra morta. Loxicamente entran pezas novas e saen outras, pero ultimamente vai calando máis o texto escrito, un discurso, con respecto á linguaxe visual. Para min é moi significativo o vinilo que hai á entrada co que quixen facer tamén unha pequena chiscadela á política. Sempre me interesou a relación entre a política e a arte. Creo nela como elemento transformador, como instrumento social e, polo tanto, o texto interésame cada vez máis.

 

A arte ten que ser necesariamente comprometida?


Adoro a Picasso, que tivo compromiso (“Guernica”), e adoro a Matisse, que entendía a arte como un sofá cómodo onde sentar logo dunha longa xornada de traballo. Mentres o primeiro pintou o “Guernica” na Guerra Civil, Matisse, que era francés, en plena ocupación nazi pintou a serie “Jazz”, que é un canto á festa, á alegría e á vida. A actividade artística en si mesma xa é compromiso suficiente. Agora ben, cadaquén a ese compromiso ten que buscarlle un sentido. É dicir, non creo en facer por facer. A arte é unha forma de entender a vida e a min, por exemplo, a busca da beleza non me chega.

 

 1261473 20380706
Basterrechea no Torrente | Jorge Meis

 

En que cambiou a súa arte, ou vostede, desde a exposición anterior?
 

A expo de 2010 foi moi lucida, pero demasiado exuberante. Estou a perder o gusto pola exuberancia e tratando de ser menos espectacular. Pero coido que non hai tanto cambio, se son franco. Son un artista de proceso lento; gústame madurar, pero con sentido. Penso que hai obras de 2010 que podían estar perfectamente nesta, e isto é marabilloso porque normalmente o malo da arte é que “caduca” rápido. Eu son dos que mira para atrás e non me gusta nada, son moi autocrítico. Aínda que estou abandonando pouco a pouco o debuxo, podería entenderse como unha continuidade bastante natural. Eu non son un tipo de cambios. Estou tratando de retornar á escultura. Considérome máis escultor que debuxante.

 

Primeiro escultor e despois debuxante?
 

Na política aprendín moito unha cuestión que ás veces a arte olvida: que é un medio de expresión, se cadra a máis perfecta ou chea de matices, pero un medio de expresión. E na política aprendín a importancia da expresión, da necesidade dunha linguaxe inmediata, de responder, e o debuxo é a práctica artística máis rápida, máis áxil... Tamén é verdade que antes o texto era un pretexto para incluír un elemento gráfico, pero agora cada vez ten máis importancia e ás veces, de feito, se podo evitar o debuxo, quedo só co texto. 

 

Ese vello axioma de que unha imaxe vale máis que mil palabras xa non é certo. Lamentablemente vivimos nun mundo no que hai máis imaxes que palabras. Iso valía para tempos en que a imaxe era un ben prezado, pero hoxe vivimos na sociedade da imaxe e é moi difícil atopar forza nunha delas. Polo tanto, se sobra a imaxe, se o texto explica a idea perfectamente, non hai que ser reiterativos. Sempre crin que era un artista conceptual: gústame debuxar e que o debuxo sexa atractivo, pero o que ten que primar é a idea.

 

 1261470 20380000
Basterrechea no Torrente | Jorge Meis

 

Unha obra pode ser tan ferinte para algunhas persoas como para plantexarse a súa censura ou retirada? Ten que haber límites?

 

Non. Non sei quen dixo que o escándalo non é mala forma de comunicarse con esta sociedade. De feito, o escándalo é unha forma fantástica de comunicarse coa sociedade. E evidentemente hai moita xente que ten moitas ganas de ser escandalizada. Iso si é sorprendente, como me sorprende tamén o difícil que é provocar como artista e o fácil que é provocar como político.

 

Isto lémbrame que en 2010 me fixeron unha entrevista noutro medio de comunicación. Nela había imaxes eróticas con mensaxes eróticas e a xornalista preguntoume se o que buscaba era provocar ao espectador. Eu respondín: “Non sei. As mensaxes están sacadas directamente dos anuncios de contactos do teu xornal”. Fóra diso, coido que a sociedade está buscando a escusa para ser provocada...

 

Utilízase –utilizamos os medios– con moita lixeireza a palabra artista?
 

Si e non. Eu son da escola de Joseph Beuys, que entendía a arte ao revés, cunha visión moi ampla da mesma. A arte está restrinxíndose a mero elemento decorativo. Moitas veces cando a xente di: “Isto si que é/era arte de verdade”, estase a referir realmente a decoración.

 

 1261461 20373894
Basterrechea no Torrente | Jorge Meis

 

É profesor do Bacharelato de Artes desde hai 17 anos. Cal é a lección máis importante que intenta ensinar?

 

O que eu aprendín con Segura Torrella, que foi o meu mestre: actitude. A vida é actitude. A arte é actitude. Non agardar a ter un espazo como o Torrente para expoñer, senón buscar un a pé de rúa, levar as obras á rúa, que cada vez que te deites sintas que ese día fixeches algo creativo: entender a creatividade como unha forma de vida e de transformación. Trato de inculcar iso. A xente adoita entender a arte como unha sorte de habilidades manuais, pero a arte é actitude. Amor polo que fas. Se o tes, serás algo, e non me refiro a atopar o recoñecemento social, senón o sentido á túa vida.

 

Que referentes ten?
 

Gústanme todos aqueles que entenden a arte coa naturalnaturalidade da vida. Non fan arte: viven. 

Suso Basterrechea, artista ferrolán: "Creo na arte como elemento transformador"

Te puede interesar