Tanxugueiras lanza este venres, 3 de xuño, o seu sinxelo Desidia, tema que formará parte do seu novo disco, o terceiro, e que verá a luz nas vindeiras semanas. Desidia, que xa está dispoñible desde hoxe en todas as plataformas dixitais e que Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro interpretan nos directos da Xira Midas, é unha reivindicación da necesidade do autocoidado. As cantareiras empregan un símil co baile para narrar o proceso de escoita e liberación da culpa para avanzar no camiño.
“Ás veces cómpre parar e escoitar o noso corpo. Entender o que nos di e o que nos pide, sen que nos teñamos que sentir culpables por non ser, non dar, non chegar ao que se nos esixe ou autoesiximos. Temos que nos sentir libres desa falsa culpa. Podemos parar, sen ser xulgadas, para poder volver, gozar de nós e dos nosos movementos, e pisar máis forte aínda”, sinalan as pandeireteiras.
Desidia narra o proceso do descubrimento e aceptación da necesidade real do autocoidado. A música e as letras das cantareiras, inspiradas na música tradicional galega e na lírica popular, afondan nese camiño. Desde os primeiros síntomas de apatía e falta de motivación, explicitado nas frases “rematade xa esta bailiña / estou cansa, preciso deitar” que acompañan o pasodobre, que pé ao retrouso “Ai quedar, deixame quedar”. Desde o desleixamento á valentía de recoñecer a necesidade de parar. Desde o punto no que os movementos do baile e dos corpos se atopan e acompañan, como metáfora, o proceso de volver estar en pé. “Os meus puntos vou guiando, os meus pasos van medrando, os meus brazos tornan alto” acadan o seu esplendor co retrouso “Ai!, bailar que eu vou guiar”.
Desidia acompáñase dun videoclip (dispoñible en Youtube) dirixido por Trece Amarillo e producido por PlayPlan que se rodou o pasado mes de maio en Marín (Pastoriza), Bueu (Agrelo) e Moraña. Nesta nova peza audiovisual, as pandeireteiras ceden o seu protagonismo habitual á coreografía e interpretación de Carla Cervantes e Justin de Jager.
Trátase da primeira colaboración conxunta entre Cervantes (xunto con Sandra Egido forma o dúo Lookathingsdifferent) e De Jager (coreógrafo, entre outros, do Scapino Ballet Rotterdam), especializados en threading, un estilo de baile no que os corpos se enfían. Precisamente a coreografía, ideada por Cervantes, constrúe o movemento a partir do diálogo que nace entre os corpos e que ten, como testemuña, o patrimonio natural galego. Os corpos xeran nós, camiños e aberturas durante a súa conversación, que medra e avanza a medida que o fai a propia canción.