O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe a próxima convocatoria da terceira edición do Premio Relato Curto Nélida Piñón, en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o Concello de Cerdedo-Cotobade. Fíxoo nunha visita a este municipio pontevedrés, terra familiar da escritora brasileira, onde puxo en valor a importancia de recuperar, tras o parón causado pola pandemia, “este certame prestixioso, tanto pola autora á que homenaxea como polos autores aos que se ten recoñecido con este galardón”.
Neste senso, o responsable de Cultura do Goberno galego salientou a relevancia literaria internacional de Nélida Piñon, e especialmente para as nosas letras “por terse erixido nun altofalante para o mundo dos importantes lazos entre a creatividade galega e lusófona e tamén como ponte entre as nosas letras e latinoamérica”. “Máis que merecido un premio co seu nome e máis que desexable a recuperación do mesmo”, valorou en referencia á autora, que foi Medalla Castelao, Príncipe de Asturias das Letras e académica de honra da Real Academia Galega.
Ao respecto, considerou que o prestixio da escritora constátase “na alta calidade” dos manuscritos presentados e premiados nas dúas edicións convocadas ata o momento. Deste xeito, fixo fincapé en como na primeira, na de 2015, resultou gañador “un autor emerxente como Xesús Castro Yáñez, quen no seu O vello e o minotauro xa reflectía un talento brillante consolidado en posteriores traballos”. Nesta mesma liña inscribiu o relato Anatema de Daniel Asorey, gañador da última convocatoria, en 2018, na que “a calidade dos traballos presentados exixiu xustamente que se outorgase dous accésits a 37 vidas breves de Rosendo Cid Menor e Roller Girl, de Xesús Fraga”, salientou.
Novidades da terceira edición
Por estes motivos, celebrou a convocatoria dunha terceira edición, da que avanzou novidades como o incremento da contía económica, que pasará de 6.000 a 7000€, á vez que consolida as categorías de accésits, establecidas xa en 2018, e se amplía o número de páxinas dos manuscritos que se presenten ao concurso, que quedará establecido entre 50 e 90 páxinas, cando estaba fixado entre 20 e 30.
“A recuperación deste premio é unha boa nova para as letras e lectores galegos, porque de seguro que nesta terceira edición sairán publicacións imprescindibles, igual que a traxectoria dos seus autores”, aseverou o conselleiro. Ademais, aproveitou este anuncio para destacar o importante papel deste tipo de galardóns, “tanto para facer o xusto recoñecemento ás achegas tan relevantes para a literatura contemporánea de Nélida Piñón, como para prestixiar o galego, lingua dos participantes e premiados”.