A Xunta distribúe 2 millóns de euros para a rodaxe de sete novas películas e series con Galicia como escenario

A Xunta distribúe 2 millóns de euros para a rodaxe de sete novas películas e series con Galicia como escenario

A Xunta de Galicia acaba de publicar as últimas concesións ao abeiro da convocatoria de 2024 do seu fondo para a atracción de rodaxes, que impulsa con 2.000.000 euros a filmación de sete novas películas e series en diferentes localizacións galegas. Tres dos títulos subvencionados finalizaron xa a súa filmación no segundo semestre do ano pasado, mentres que as catro restantes a teñen prevista ao longo de 2025.

 

O principal obxectivo destas subvencións, cofinanciadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, é favorecer a proxección da nosa Comunidade como escenario de destacadas producións audiovisuais, encabezadas tanto por empresas de aquí como do resto de España e Europa, co conseguinte impacto económico tanto nas localidades que acollen as rodaxes como no conxunto da industria audiovisual galega.

 

Axudas rodaxes galego

 

Así, as axudas de ata 300.000 euros que reciben as empresas beneficiarias desta convocatoria implican un gasto mínimo en Galicia de 1.000.000 euros no caso das produtoras galegas e de 1.500.000 euros no das foráneas. Ademais, os sete proxectos deben desenvolver un mínimo de catro semanas de rodaxe en localizacións galegas e destinar cando menos un 40% do seu orzamento subvencionable a gastos de persoal.

 

Diferentes localidades da provincia de Pontevedra acolleron nos últimos meses os equipos de dúas destas producións –Romería, a terceira longametraxe da realizadora Carla Simón, e Rondallas, a nova película de Daniel Sánchez Arévalo–, mentres que Vaca Films rodou en numerosos escenarios da Coruña e Lugo a película Dímelo bajito, producida para Prime Video e con Denis Rovira na dirección.

 

Ao tempo, os catro proxectos restantes ultiman a súa preprodución cara a súa filmación en Galicia nos vindeiros meses. Trátase da longa Me has robado el corazón, presentada pola AIE homónima, e das series Garbo de Portocabo TV, Marusía de CTV e a nova temporada de Clanes, tamén con Vaca Films na produción.

Xunto ás rodaxes promovidas a través deste fondo, en 2024 Galicia foi, así mesmo, o escenario para outras nove de producións que recibiron subvención da Xunta a través da convocatoria anual para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos e que chegarán proximamente ás pantallas de cinema e televisión. Trátase de Leo&Lou, de Carlos Solano con Aurora Audiovisual AIE na produción; San Simón, de Miguel A. Delgado con Miramemira; Hoxe e o resto do mundo, de Cecilia Betz e Andrés Sanjurjo con Matriuska Producciones; Así chegou a noite, de Ángel Santos con Maruxiña Film Company; Lume, de Giselle Llanio e Sergio Graciano con Setemedia; Antes de Nós, de Ángeles Huerta con Zenit TV; Tralovento, de Eloy Domínguez Serén con Zeitun Films; As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns con Sétima, e Onte á noite conquistei Tebas, de Gabriel Azorin con Filmika Galaika.

A Xunta distribúe 2 millóns de euros para a rodaxe de sete novas películas e series con Galicia como escenario

Te puede interesar