A Xunta dota con 600.000 euros as súas axudas para a proxección exterior da música e as artes escénicas galegas

A Xunta dota con 600.000 euros as súas axudas para a proxección exterior da música e as artes escénicas galegas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases da convocatoria anual de axudas ás actividades de distribución para industrias culturais coa prioridade de favorecer a presenza de artistas e empresas galegas de música e de artes escénicas en escenarios, festivais e mercados sectoriais fóra da nosa Comunidade. As axudas manteñen a dotación de 600.000 euros coas que xa foran dotadas en 2024, cando incrementaron o seu orzamento en máis dun 30% respecto ao ano anterior.


A súa concesión realizarase por orde de entrada entre as solicitudes que cumpran os requisitos, de xeito que o prazo de presentación estará aberto na sede electrónica da Xunta entre as 9,00 h. do 21 de febreiro ata as 14,00 h. do 21 de agosto ou ata o esgotamento do crédito.


A contía convocada repártese a partes iguais entre os dous ámbitos artísticos aos que se dirixen estas axudas, no marco das que se apoiarán accións desenvolvidas entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025 tanto por profesionais autónomos como por empresas dedicadas á produción e distribución de espectáculos. A axuda máxima por solicitante é de 15.000 euros, que poderán ser distribuídos entre máis dunha modalidade.


Xiras e feiras internacionais

Financiaranse así parte dos custos das xiras de espectáculos galegos por escenarios e festivais fóra de Galicia, ademais da asistencia a feiras e mercados do sector que se celebren no resto de España ou no estranxeiro. No caso da categoría de artes escénicas, apóiase tamén a distribución artística dentro da nosa Comunidade, exceptuando os espectáculos programados na Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto promovido polo Goberno galego en colaboración con 42 entidades locais das catro provincias.


A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xestiona anualmente estas subvencións co fin de impulsar a distribución e a comercialización exterior dos nosos produtos culturais, ao tempo que se facilita o acceso dos sectores da música e as artes escénicas galegas ao mercado internacional.


Mediante esta convocatoria o ano pasado cofinanciáronse os gastos asumidos por máis de 70 empresas no desenvolvemento de 110 accións de distribución, que sumaron preto de 600 funcións escénicas, concertos e accións promocionais nunha vintena de países e noutras 15 comunidades autónomas, así como dentro de Galicia no caso das xiras escénicas.

 

 

A Xunta dota con 600.000 euros as súas axudas para a proxección exterior da música e as artes escénicas galegas

Te puede interesar