A Xunta homenaxea ás cantareiras e á poesía popular oral no VII Concurso de Podcasts-Radio na biblio

A Xunta homenaxea ás cantareiras e á poesía popular oral no VII Concurso de Podcasts-Radio na biblio

A Xunta de Galicia, en colaboración coa Radio Galega, vén de convocar o VII Concurso de Podcasts-Radio na biblio, que nesta edición está dedicado ás cantareiras e á poesía popular oral, ás que se lle rende homenaxe co gallo do Día das Letras Galegas 2025.

 

O obxectivo deste certame é estimular, mediante o recoñecemento de boas experiencias, a elaboración de produtos radiofónicos en galego, reforzar o coñecemento da poesía alén da escrita e o seu carácter colectivo, a relación entre a literatura e a música, o papel das mulleres como creadoras e a importancia das cantigas galegas como tradición viva da poesía popular oral a través de novas manifestacións.


Poderán participar neste concurso os 220 centros públicos que forman parte do programa Radio na Biblio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP, así como outros centros que traballan co laboratorio de radio como ferramenta pedagóxica. Teñen de prazo ata o 20 de marzo para poder presentar a súas propostas.


O certame enmárcase no Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) das Bibliotecas Escolares, mediante o cal a Xunta reforza a formación do alumnado e o seu acceso aos medios de comunicación con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos.

 

Modalidades, formatos e contido

O certame consta de oito modalidades, segundo o nivel do ensino: Infantil, 1º e 2º de Primaria, 3º e 4º de Primaria, 5º e 6º de Primaria, 1º e 2º de ESO, 3º e 4º de ESO, Bacharelato e alumnado doutras ensinanzas como persoas adultas ou ciclos formativos. Cada centro pode presentar un podcast por modalidade ata un máximo de tres traballos, todos eles en lingua galega, cunha duración de entre tres e cinco minutos. O arquivo sonoro, en formato mp3 ou wav, pode ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un espazo de noticias, un faladoiro, un recital, un debate ou un programa monográfico, entre outros.


En canto ao contido, poderá versar sobre aspectos bio-bibliográficos das mulleres homenaxeadas, a importancia e representación das cantigas populares, a relación entre a literatura e a música e a muller na literatura galega ou as mulleres nas Letras Galegas.

 

Así pois, a través destes traballos, homenaxéase a Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira Santos (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e mais Manuela Lema Villar –as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) falecidas hai máis dunha década–, e rememórase á literatura de base popular, sempre unida á música como tesouro patrimonial colectivo.


Premios e difusión na emisora

O xurado seleccionará un podcast por modalidade, que recibirá unha asignación extraordinaria de 1.250€ para melloras no laboratorio/emisora de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento deste laboratorio de radio, sempre vinculado á biblioteca do centro. Os traballos premiados serán emitidos por Radio Galega e serán difundidos a través da súa páxina web e da canle dixital do Diario Cultural.

A Xunta homenaxea ás cantareiras e á poesía popular oral no VII Concurso de Podcasts-Radio na biblio

Te puede interesar