Tres equipos femininos do CB Costa Ártabra disputarán a fase final galega. O infantil farao nas vindeiras semanas, o cadete xoga mañá en Lugo pola terceira praza que daría o pase ao Campionato de España de Lleida e hoxe será o preinfantil (infantil de primeiro ano) o que dirima cos outros tres equipos mellor clasificados na liga regular a súa posición final. Neste caso non hai máis competición alén da galega, pois moitas federacións autonómicas non a consideran categoría independente, senón parte da infantil.
En todo caso, as preinfantís que adestra Jorge Juan –Ferrol, 1998– xa melloran con esta presenza na final A4 que se xoga en Culleredo o sexto posto acadado a tempada pasada en mini, e hoxe, a partires das 10.30 horas, veranse cun vello coñecido, o conxunto anfitrión, que conta por vitorias todos os partidos da liga regular e que, como lembra o preparador ferrolán, “xa gañaron os anos anteriores en categoría premini e mini”.
“Vai ser complicado”, admite o adestrador, “coñecémolas ben porque as rapazas levan xa varios anos enfrontándose a elas. É un equipo que fisicamente xa deu o cambio”. Con todo, Jorge Juan non o ve imposible. “É difícil, pero non imposible. Temos que saír desde o comezo coas mesmas ganas que teñen elas de ser campioas. Se cremos niso, competiremos, pero no momento en que baixemos os brazos farase máis complicado”.
Esta é a segunda tempada que Jorge Juan adestra a este grupo da xeración de 2009. O ano pasado foron sextas de Galicia. “Non era o obxectivo quedar arriba e, de feito, tivemos claro que non queriamos resultados, senón que as nenas progresasen. Ao quedar sextas e estar a un pasiño de meternos na final, gañando partidos ao Celta ou competindo contra as campioas, pensamos que, visto como foron as cousas entón, este ano tiñamos moitas opcións de meternos na fase final. Creo que é un premio ao traballo ben feito”, explica o técnico do BBCA.
Nesta categoría compiten as mesmas cativas que o ano pasado eran minis de segundo ano, pero cun par de cambios substanciais: o balón e mais a canasta. Porén, Juan sinala que a adaptación xa comezou en xuño de 2021. “Aí xa metimos balón grande e canasta grande e foi ben, aínda que ao principio algunha tiña medo de non chegar. Agora xa están todas perfectamente adaptadas aos aros”, comenta.
O seu é un dos tres equipos femininos do Costa Ártabra que xogan a fase final galega, unha circunstancia que, cre o adestrador, se debe a varios factores. “Inflúen moitas cousas, pero creo que o fundamental é que levan moitos anos xuntas. As miñas só levan estes dous, pero as infantís e as cadetes levan xuntas desde premini, igual que as júnior. E tamén se nota que tiveron moi bos adestradores de formación no clube”, remata.