Cebarca e Perlío, dous equipos que esta tempada competiron en Segunda Galicia, son os finalistas da XXII Copa de Ferrol de fútbol afeccionado que hoxe ás 18.00 horas comeza no campo da Gándara. Para os de Cerdido, esta é a primeira vez que optan ao título e chegan a este encontro logo de se impor na primeira rolda á Capela (0-2), ao Numancia de Ares nos oitavos (2-0), a O Val por penaltis nos cuartos (2-2) e ao Eume, vixente campeón, na semifinal (2-1).
Os feneses, pola súa banda, xogarán a súa cuarta final. O camiño do Perlío cara a este choque principiou contra o Barallobre (4-1), seguiu co San Sadurniño (1-0) e co Meirás (1-3) e na semifinal xogou contra un dos finalistas da pasada edición, a Cultural Maniños, á que derrotou por 2-1.
O feito de, no caso do Cebarca, disputar a primeira final e, no do Perlío, ter a posibilidade de rachar unha xeira de tres derrotas nos encontros decisivos, mobilizou a ámbalas dúas afeccións, que encherán o campo ferrolán. O gañador relevará ao Eume e levará a coroa comarcal un ano.
Javi Rodríguez (Cebarca): “É a nosa primeira final e temos moitísima ilusión” |
Dos 7 aos 14 anos durou a primeira etapa de Javi Rodríguez no Cebarca e agora, con 29, vive a segunda, que principiou con 21. Esa identificación co club dálle a esta final unha transcendencia enorme.
É a primeira final do Cebarca... Si, é a primeira na historia do club e tanto o equipo como a xente do pobo está moi ilusionada. Ímolo vivir como o que é, porque para nós estar aquí é un premio á tempada que fixemos, con altibaixos, si, pero completando un torneo de Copa moi bo, no que eliminamos a tres equipos de Primeira, o que demostra que tamén fixemos cousas ben.
Cal é a principal fortaleza do Cebarca? Temos un grupo moi bo, levámonos todos moi ben, estamos moi unidos... Somos como unha familia e iso axúdanos a competir. Os cuartos contra O Val e a semifinal contra o Eume, aparte de xogar ben, gañámolos polo empuxe e a ilusión que tiñamos por sacalos adiante. O noso forte é a ilusión coa que vivimos cada partido, ademais de ter xente de calidade.
Que destacarías do rival? Os dous partidos que xogamos este ano gañáronos eles. O Perlío é equipo moi ben plantado, sobre todo defensivamente, moi difícil de que encaixe gol e ademais ten xogadores doutra categoría que tamén deciden os partidos. Se es bo defensivamente e logo arriba tes dous ou tres xogadores que che marcan a diferenza, danche regularidade e argumentos para facer o que fixeron, que é ascender.
A final é en campo neutral, pero a afección está moi ilusionada... A nosa afección sempre foi forte, no noso campo apreta moito, pero nestas dúas últimas tempadas enganchouse máis xente a ver os partidos. Ademais, sempre animan e o certo é que teñen moita ilusión por conseguir esta Copa. E iso a nós dános un plus. |
|
Rubén Varela (Perlío): “Perdín as tres anteriores e non quero que volva pasar” |
Nada menos que desde a tempada 2000/2001 forma parte Rubén Varela do Perlío e hoxe na Gándara xoga a súa cuarta final de Copa. As outras tres perdeunas e non quere que iso volva suceder.
Como afrontan este partido tras una tempada na que conseguiron o ascenso? Afrontámolo sen presión porque o noso obxectivo era volver a Primeira Galicia, despois do pau que supuxo o descenso do ano pasado. Temos moita ilusión por cambiar a historia do club neste trofeo porque perdimos as últimas tres finais que xogamos. Queremos lograr a ansiada Copa que tanto se nos resiste.
Facer o que vimos facendo desde o inicio de temporada: xogar con intensidade, presionando e, sobre todo, deixar os nervos fóra do campo porque a miña experiencia dime que xogan malas pasadas. Temos que estar tranquilos, aínda que nos vexamos por debaixo no marcador porque creo que se somos quen de despregar o noso xogo conseguiremos a vitoria.
É difícil controlar os nervos con tanta expectación como a que esperta un partido así? Levamos un par de partidos co público envorcado con nós pola fase de ascenso. Vai haber moitos seareiros, sobre todo os rapaces e rapazas da base do club, que sempre é unha motivación especial. Non creo que a presión nos afecte moito.
Cales son as fortalezas do Cebarca? A min gústame moito o seu capitán, que leva moito tempo xogando alí e descarga moi ben os balóns de cara. Despois, a xente de banda que ten tamén é moi perigosa e moi rápida. Atrás son contundentes e crean moito perigo no xogo aéreo. Logo teñen un rapaz que veu do Galicia de Mugardos e que xoga de mediapunta, que é moi bo tamén. |