É a primeira vez que Podemos concurre a uns comicios en Ferrol. Por que é o momento de figurar coas súas siglas e non en confluencias?
Nós consideramos que é o momento de ter un papel protagonista na vida política da nosa cidade. Unha boa parte da veciñanza non se sente representada polas formacións que están actualmente no Concello. A nosa aposta sempre foi que a esquerda ferrolá acadase un acordo amplo asumindo a diversidade do noso espazo. Hai algo que debe lembrarse: Podemos e Esquerda Unida concorren xuntas en cinco das sete grandes cidades galegas. En Pontevedra, Esquerda Unida non presenta candidatura. Con isto penso que quedou clara esta cuestión.
A falta de acordo con Ferrol en Común ou o cambio de candidato, pode afectar aos resultados?
Os datos din que Ferrol é, das 7 cidades galegas, a que ten unha maior porcentaxe de abstención. Está claro que algo terá que ver isto coa forma de facer política nos últimos anos. E nós queremos evitalo. Os acordos en política non poden consistir en declaracións ambiguas ou en apoiarse uns a outros por ser de esquerdas. Non estou de acordo con quen di que é mellor un goberno de esquerdas en minoría que unha maioría da dereita. Non basta con declararse de esquerdas, hai que demostralo sendo útiles para a cidadanía.
Os acordos en política non poden consistir en declaracións ambiguas ou en apoiarse uns a outros por ser de esquerdas. Non estou de acordo con quen di que é mellor un goberno de esquerdas en minoría que unha maioría da dereita
Cal sería a súa proposta “estrela” e que importante cambio faría en políticas urbanísticas, sociais e culturais municipais?
A medida estrela é desenvolver un proxecto de cidade no que todas e todos nos sintamos representadas.
En materia de Urbanismo defendemos que ten que haber unha planificación e unha integración dos diferentes barrios. Agora temos unha oportunidade coa recente aprobación do convenio con Defensa que, aínda que non é do noso agrado, pode servir para traballar nesa dirección apostando por máis zonas verdes, máis carril bici e tamén máis transporte público. En políticas sociais hai que estar do lado das persoas máis vulnerables. O desemprego en Ferrol segue a ser alto. Temos tamén unha poboación envellecida que precisa coidados. E a labor de atender a todas esas persoas é do Concello. Non podemos continuar externalizando esas funcións. Nós propoñemos facer un estudo da situación na que se encontran quen teñen máis dificultades para implementar unha Renda Garantida Municipal. Isto ten que ir acompañado doutra política de emprego que se adapte á oferta que realmente hai na nosa comarca. Por último, as políticas culturais teñen que ser participadas. Non entendemos unha planificación da oferta cultural por parte dun Concello feita desde un despacho. Un plan estratéxico a longo prazo é fundamental.
Algo que salvar do goberno actual? Que non perdoa?
Unha cuestión que é de vital importancia a día de hoxe é o problema da vivenda. Hai unha oportunidade en Recimil, pero precisa a regularización do censo e a inclusión de criterios de renda e vulnerabilidade para as adxudicacións. Outro aspecto é a rehabilitación, este goberno comezou un camiño que ten que continuar. O que non perdoamos é a ausencia de diálogo que en ocasións chegou ao desprezo. Este goberno xestionou un Concello pechado á veciñanza. E iso non pode ocorrer de novo