Marián Ferreiro (Narón, 1977) concorre por segunda vez como candidata á Alcaldía naronesa por Terra Galega (TEGA), dende a súa chegada, no 2015, á primeira liña da política municipal. Afirma que os veciños e veciñas do municipio avalan cada catro anos o proxecto da súa formación para a cidade e aspira a acadar a maioría necesaria este domingo para continuar desenvolvéndoo.
Preséntase por segunda vez como cabeza de lista, coa experiencia de ter gobernado xa cinco anos e medio. Con que expectativas encara estes comicios?
A nosa expectativa é acadar a maioría absoluta porque o que pretendemos é que o noso programa electoral se poida realizar nos vindeiros catro anos na súa totalidade. É dicir, non ter que prescindir, non ter que deixar algunha cousa por pactar con outro que queira meter da súa parte. Entón ese é o motivo que nos move a tratar de sacar eses once.
O PSOE abandonou recentemente o goberno despois dunha situación bastante convulsa a nivel de partido. Se non logra esa maioría da que fala, estaría disposta a pactar novamente ou péchase a esta posibilidade?
Son unha persoa de diálogo. Non me pecho en banda a nada. Si que é verdade que nós estamos traballando para ter esa maioría absoluta polo dato que che daba. E tamén antes de empezar esta campaña, antes destes cambios neste caso do grupo socialista, xa o falabamos. Naquel momento, nunha situación ideal de obter a maioría absoluta, aínda así ofrecería a posibilidade de cogobernar con alguén. Agora mesmo non o sei, polas situacións que se están dando e vivindo. Despois do 28 haberá que falalo novamente porque estes ataques e estas mentiras fanche mudar de opinión. Só unha cousa: falar si, pero cunha premisa clara; nós temos moi claro o que queremos dentro do noso programa e non sería a costa de calquera cousa.
O resto de candidatos insisten en que a cidade precisa dun cambio, doutro proxecto diferente do que plantexades vós. Por que diría que están errados?
Hai unha cousa que eu digo e que me resulta triste dicilo. Non son unha política ao uso. Eu son capaz de ver, somos capaces de ver cando algo está ben ou cando algo está mal, independentemente da cor da persoa que o plantexe. Eu vexo cousas noutros concellos cogobernados por “x” partidos e digo “pois isto está ben e se pode replicar en outro” ou “mira, o están a facer ben”. Aquí en pequeno comité dinche que está ben. Cal é o modelo de cidade? Nós temos moi claro o que queremos e entendo que se a cidadanía durante todos estes anos validou o noso proxecto é por algo. Ano tras ano, nas urnas, sae elixido o programa electoral que está transformando Narón, polo que entendo que os cidadáns están contentos. Nestes momentos, no que todo vale porque estamos en campaña electoral, é o que están a dicir o resto de partidos porque non lles queda outra, pero a realidade non é esa.
Nós temos moi claro o que queremos e entendo que a cidadanía está contenta e por iso avalou durante todos estes anos o noso proxecto de cidade
Analizando a súa traxectoria, que aproba e que suspende da súa xestión?
Non vou ser eu a que poña o negativo enriba da mesa. Eu creo que nestes anos, pese a que tivemos unha pandemia, o balance que fago é positivo, porque fomos quen de executar ou ter en execución os compromisos que adquirimos hai catro anos. De feito, nos actos electorais que estamos facendo levamos a proposta para os vindeiros catro anos e entregamos un balance do que estivemos a facer. A xente xa sabe como traballamos e como é o día a día no noso concello. Ese muíño de Xuvia está aí, esa senda peonil que une Freixeiro con Xuvia, ese local novo de Chafarís, o campo de fútbol, novos parques...
Entón esa crítica constante de que a cidade está paralizada e non avanza, de onde parte?
De onde parte? Ti, micro en man, pregúntalle a un cidadán e fai unha enquisa a ver se iso se sostén. Os cidadáns cada catro anos votan, deciden. Se nos seguen a dar esa ampla maioría para gobernar, será por algo.
Unha das novidades que queremos facer no vindeiro mandato é crear a Concellería de Mobilidade e Espazo Público. Queremos unha cidade máis humana
Faga unha proposta para cada unha destas áreas...
Urbanismo: Unha das novidades que queremos facer é crear a Concellería de Mobilidade e Espazo Público, porque queremos facer unha cidade máis humana e iso implica moito. Temos agora aprobado o plan de mobilidade e queremos poñelo en marcha.
Benestar Social: Non é competencia nosa, pero unha das aspiracións que temos é que a oitava cidade de Galicia conte cunha residencia pública de maiores. Nós xa fixemos un ofrecemento de espazo de terreos, tivemos varias reunións coa Xunta e trasladamos, xa naquel momento, ao que era presidente do executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, a necesidade de ter unha residencia en Narón e trataremos de conseguila.
Economía: Pese a quen lle pese, Narón é o motor económico da comarca e os datos así o avalan. Nós queremos que siga sendo así.
A que persoa, viva ou morta, escollería para tomar un café e falar longo e tendido.
Tomaría un café co meu avó, que faleceu e non viu que a súa neta chegou a alcaldesa de Narón.
No ámbito culinario, dígame unha receita que domine e unha que se lle resista.
Son coñecida no meu entorno polas pizzas de grelos. Unha das cousas que din de min é que son boa anfitriona e que teño boa man para iso. E algo que se me resista... o punto da bechamel.
Película ou serie que lle queira recomendar á veciñanza.
“Rapa”, porque está rodada neste entorno tan marabilloso que é a nosa comarca.