Eladio Romero preséntase por primeira vez ás eleccións municipais e faino coa prioridade de sacar adiante o Plan Xeral de Ordenación Municipal para permitir o crecemento da localidade e de actuar na depuración para frear o deterioro ambiental. “Neda é o único concello que está vertendo á ría e en oito anos non se fixo nada”, afirma.
O último mandato foi, na súa opinión, “por desgraza, unha pena”, e é crítico tamén coa actitude do goberno local cara aos pequenos comerciantes e empresarios da localidade que, asegura, non recibiron ningún apoio. “Foi o único concello que non tivo axudas a autónomos durante a pandemia”, denuncia, con especial mención ao sector das atraccións de feira, cunha importante presenza na localidade, e que estivo moitos meses parado. Afirma que, no eido empresarial, “ir ao concello buscar unha axuda é perder o tempo” porque “as empresas somos persoas non gratas”.
Remítese Romero ao mandato de Ignacio Cabezón como un período no que si se emprenderon importantes proxectos, en contraposición aos mandatos socialistas, o que o levou a dar o salto á política. Tamén quere mercar un tractor que traballe todo o ano para encargarse do correcto mantemento dos viais. Respecto da súa candidatura, hai unha gran renovación, con xente nova, aínda que tamén fican dúas persoas cun amplo bagaxe “e que coñecen moi ben o concello”.