A asociación oncohematolóxica Por+vida volverá ofrecer a vindeira semana outra das charlas que xa son un referente no concello de Fene en relación a saúde e a prevención a través da posta en marcha de hábitos de vida saudable.
No que vai de ano, logo da charla ofrecida en febreiro sobre nutrición, a entidade prosegue as accións cunha conferencia prevista para o vindeiro xoves 23 de maio ás 17.30 horas, que se desenvolverá no salón de actos da Casa da Cultura de Fene.
Nesta ocasión vaise contar coa presenza de Paula Silva Rodríguez que é doutora en Medicina Molecular pola Universidade de Santiago de Compostela, Xenetista e Adxunta de Laboratorio da Unidade de Citoxenética oncohematolóxica da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica). Licenciada en Bioloxía e Máster en Investigación Biomédica pola Universidade de Santiago de Compostela. A charla leva por título “Xenética e oncohematoloxía: tecendo o tapiz de mediciña personalizada”.
Desde a entidade Por + Vida explican que “este ano a nosa asociación volveu aportar unha achega económica de 9.000 euros destinada á Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), para contribuir a posta en marcha de actividades de investigación relacionadas co ámbito da Xenética e levadas a termo na Fundación Pública Galega de Mediciña Xenómica, na xenética do cancro. Como ben se lembrará, este grupo de investigación está dixirido por Ángel Carracedo (catedrático de Medicina Legal, investigador e experto internacional en xenética).