O músico, compositor e multiinstrumentista Abraham Cupeiro presenta este xoves no Auditorio de Ferrol –20.30 horas– o seu novo traballo, “Mythos”, gravado no mítico estudo Abbey Road coa Royal Philharmonic de Londres. Na cidade naval principia unha xira na que estará acompañado pola orquestra Gaos.
Que é “Mythos”?
A diferenza de “Pangea”, o anterior traballo, que era, por dicilo así, máis terrenal, “Mythos” é unha viaxe pola imaxinación das culturas, lendas e historias que fixeron que os pobos se cohesionaran aínda máis e que tiveran unha sorte de denominadores comúns nas crenzas que lles permitiron diferenciarse como culturas, aínda que, ao final, coma sempre, daste de conta de que a xente pensa un pouco igual. Trátase de musicar todas estas lendas primixenias e levalas a un espectáculo con instrumentos perdidos no tempo.
Hai detrás desta proposta un traballo de investigación tremendo, na liña que segue desde hai moito tempo...
Si, hai un traballo de investigación tremendo a diferentes niveis. O primeiro é poder construír os instrumentos, que os teño que fabricar eu. Iso obrígache a xerar unha pericia para facelos. O segundo nivel é aprender a tocalos porque xa non queda ninguén que os toque. E o terceiro nivel –e este é realmente o máis bonito– é investigar sobre as diferentes culturas e mitoloxías. É un traballo a moitos niveis, ao que hai que engadir a composición para orquestra. Faise moi duro porque, digámolo así, tes que arrastrar diferentes redes ao mesmo tempo.
En termos xerais, eran moi diferentes os instrumentos daquela época? A banda sonora deses tempos –Idade de Ferro, a Grecia clásica– era tan distinta para aqueles pobos?
Podemos dicir que era unha banda sonora máis orgánica, máis natural, máis cercana aos seres humanos, no sentido de que somos imperfectos. Desde a Revolución Francesa os instrumentos son cada vez máis perfectos porque os ensembles, as orquestras, eran máis grandes precisábase que os instrumentos fosen máis perfectos. Hoxe en día estamos asistindo a unha sintetización da música e moitas veces xa son máquinas as que crean os sons. Creo que volver soprar por un simple tubo como o karnyx é que a túa imaxinación poda voar e iso creo que lle fai algo de ben á sociedade na que vivimos.
Como foi o traballo co karnyx? Levaba tempo detrás del?
Dende que rematei a carreira era capaz de construír instrumentos coas miñas propias mans e xa sendo profesor no Conservatorio da Coruña decidínme a construír un. Podo dicirche que levo dez anos tocando nel e onte mesmo saqueille outras cores, outros rexistros diferentes que non coñecía... Ao final é un instrumento tan sinxelo que che permite poder encontrar cousas realmente máxicas. Neste disco tamén hai un instrumento supercomplexo de tocar, que o Aulós grego, que son dous instrumentos á vez tocados polo mesmo intérprete, e este si que foi para min difícil: traballei arreo para poder levalo a un escenario e aínda así sempre está o risco de que son instrumentos moi complexos, pero creo que paga a pena levar esta maxia á xente nos auditorios.
Hai hoxe máis interese por explorar ou redescubrir esa cultura sonora antiga?
Si. Eu cando subo a un escenario teño dous públicos: a orquestra que teño detrás, que é un público que ten a mesma idea miña, a mesma profesión, e a verdade é que vimos de gravar coa Royal Philharmonic e a acollida foi moi boa. Pero o público que teño diante tamén é importante, sobre todo ver que todos estes instrumentos están calando moi fondo na xuventude. Seino porque na miña canle de Youtube a xente que máis me segue ten entre 16 e 22 anos e iso para min é a maior recompensa.
Como foi o traballo coa orquestra Gaos?
Marabilloso. O outro día fixemos a un ensaio e é incrible a capacidade técnica, o talento e sobre todo a motivación que temos na xente nova en Galicia. É unha orquestra que irradia moitísima alegría e moitísima paixón, e iso vaise ver sobre o escenario. A verdade é que vai ser un luxo compartir este proxecto con eles.
Con respecto aos instrumentos antigos, queda aínda moito por descubrir?
Queda moitísimo por descubrir porque ata hai pouco o interese por estes instrumentos era simplemente dos musicólogos... Date de conta de que a pericia que tiña esta xente hai miles de anos era incrible e necesitamos tamén que grandes intérpretes se animen a traballar con estes instrumentos porque unha cousa é recuperarlo e outra diferente resucitar a tradición sonora e toda a técnica que fai falta para facelo sonar.
Participar en proxectos como “Life in Our Planet”, producida por Steven Spielberg, é un soño cumprido?
Non é un soño cumprido porque nunca soñei con isto... A verdade é que como todo isto xa me pillou maior, pois valo tomando con naturalidade. Antes era unha persoa moi efusiva e agora digamos que vivo nun equilibrio, pero ás veces si te paras a pensar e dis: Que regalo me acaba de caer! Estou moi contento de poder, por dicilo así, resucitar estas cousas, pero non son miñas, senón de todos nós, da humanidade. Síntome un privilexiado.