O pasado día 10, o sindicato CIG rexistraba unha convocatoria de folga xeral nas Pontes en protesta pola situación socioeconómica da vila. Para coñecer máis polo miudo esta coxuntura, falamos co portavoz da central nacionalista no municipio.
En termos xerais, como ve a situación actual do concello?
Xa levamos tempo dende que foi o anuncio do peche da central, alá polo dezanove, e pola situación xa sabiamos que habería un cambio substancial na economía e no propio pobo durante todo ese tempo, engadíndolle a propia pandemia, pero tamén a incertidume e a realidade que se está a ver de falta de alternativas. A isto hai que engadirlle, por exemplo, o ERE que plantexan na empresa máis grande a nivel laboral das Pontes como é Einsa, que tamén foi un emblema no seu momento da primeira firma que se creaba a partir dos plans do peche da mina. Estamos vendo a redución da economía de consumo, de peches de pequeno comercio, de hostalería, así como tamén
doutras compañías como Hermanos Gabeiras ou Transportes Canosa. Ultimamente a isto tamén hai que engadir outra realidade social, a redución que está habendo no censo de persoas nas Pontes, que xa está por debaixo das dez mil, e o envellecemento da poboación, que tamén é un tema importante.
Que solucións plantexa a CIG ante esta problemática?
Un dos puntos coincidintes é o que ten que ver co mantemento dos 1.400 megavatios que a central térmica deixa co gran obxectivo, obviamente, de que haxa unha subasta de transición xusta e que se obrigue tamén á implantación da industria. Nós entendemos que As Pontes ten que seguir sendo unha zona onde a industria enerxética teña un peso específico na Galiza. Non comprendemos por que desaparece de golpe e porrazo ese nó de evacuación, sobre todo pola obriga de que para poder evacuar por aí tes que ter un proxecto industrial garantido. Facemos moito fincapé tamén nun plan propio, feito para garantir o chan industrial e a atracción das empresas inmediatamente. Non falamos só do que é o ámbito enerxético, senón a calquera tipo de sector que se poida asentar para minimizar os impactos laborais que está habendo na contorna.
Como afecta a situación da vila ao resto de concellos da comarca?
As Pontes é un dos motores industriais das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Gran parte da industria, como sucede co conflito das dúas grandes empresas, Endesa e Einsa, tiña, por exemplo, bastante tráfico portuario, polo que este se vería afectado por esta situación. Tamén hai moitas compañías que viñan aquí a dar servizos ou a complementar esta actividade industrial.