O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe a incorporación de Alcohólicos Anónimos ó Consello Asesor de Pacientes da Área Sanitaria de Ferrol.
O Consello Asesor de Pacientes é un órgano de carácter consultivo regulado na Orde de 16 de outubro de 2018, pola que se establece a composición e o réxime de funcionamento dos consellos asesores de pacientes de área, e na que tamén recolle as indicacións para incorporarse ó mesmo.
Configúrase como un vehículo de implicación das asociacións nas que se agrupan os pacientes, canalizando a súa su participación e a das súas familias (ou das persoas que os representen ou que se responsabilicen do seu coidado), coa finalidade de participar e colaborar na mellora da calidade da asistencia sanitaria.
Este Consello creábase na Área Sanitaria de Ferrol no ano 2019. Estaba conformada de inicio por 19 asociacións da Área, e hoxe está integrado por 24 colectivos. Este Consello reuniuse xa en varias ocasións dende a súa creación.
Forman parte do Consello, a Asociación Sociocultural ASCM, a Xunta local de Ferrol da Asociación Española contra o Cancro; Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal; a Liga Reumatolóxica Galega, AFEM, ALCER, ASOTRAME, FEGEREC, ACCU, AFAL, AGAVIDA, AGADHEMO, ADF, AMICOR, ASPANEPS, AFFINOR, AGAELA, ACEGA, AIRIÑOS, AGAL, ASPANAES, a Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficencia Venosa Crónica e Outras Patoloxías Vasculares Periféricas (AGL), a Asociación Párkinson Ferrol, que se incorporaba o pasado mes de setembro; e, agora, a Asociación Oficina Central de Servizos Área 1 (Alcohólicos Anónimos), tal e como se recolle no Diario Oficial de Galicia de hoxe.