Ana Pontón defende en Ferrol a existencia dunha Europa que loite pola paz da man do BNG

A voceira do Bloque compareceu este xoves nun mitin en Ferrol xunto coa cabeza de cartel Ana Miranda
Ana Pontón defende en Ferrol a existencia dunha Europa que loite pola paz da man do BNG
Na imaxe, un momento do acto de onte na praza Vella | Jorge Meis

A portavoz nacionalista, Ana Pontón, destacou este xoves nun acto en Ferrol que o voto para o BNG “é garantía para  construír unha Europa que loite pola paz dentro e fora das súas fronteiras, rebelándose contra o modelo da Unión Europea”, que cualificou como o  “da indecencia” e que se está impoñendo, cunha “virada cara o belicismo” e que “mira para outro lado ante o xenocidio en Gaza”.


Así mesmo, Pontón que estivo acompañada da cabeza de cartel, Ana Miranda, subliñou o dobre valor que ten nestas eleccións a papeleta do BNG, que representa o “candidatura de País, o equipo de casa que lle da voz a Galiza para que conte en Bruxelas e, ao mesmo tempo, defende unha Europa da cooperación, dos dereitos humanos e da paz, a Europa dos pobos fronte á Europa do rearme e da guerra”.


A líder nacionalista advertiu do perigo “dos grandes cambios xeopolíticos” que se están a vivir en Europa e avogou por “aprender dos erros do pasado que conduciron a dúas guerras mundiais no século XX”  para evitar por tódolos medios que ese escenario se repita no século XXI. De aí, subliñou, a determinación de Ana Miranda para defender esa  “Europa dos pobos” e a “Europa social, xusta e pola paz” que está en xogo polo avance da extrema dereita, “coa que pacta un PP cada vez máis ultra”, dixo.


Pontón puxo de relevo que o que está en xogo é parar unha Unión Europea na que avanza o militarismo.  “Lonxe de defender a paz,  Europa é cómplice do xenocidio de Palestina, unha vergoña e unha indecencia”, afirmou. Tamén acusou ao PP de ser “cómplice” do xenocidio en Gaza, como demostrou no Parlamento galego ao vetar unha declaración institucional que pedía parar o masacre. 


Dirixíndose explicitamente ao Goberno do Estado, asegurou que “non se pode estar simplemente na xestualidade ou na pasividade mentres están asasinando ao pobo palestino” e pediu  “pasos firmes e posicionarse” rompendo as relacións diplomáticas con Israel.Pontón reiterou a súa chamada a votar BNG para frear á UE que “acada cifras récord en gasto en armas mentres recorta en gasto social, en servizos públicos e en dereitos laborais...”.


Pola súa banda Ana Miranda  denunciou o “eurocinismo” da Unión Europea ante o xenocidio en Galiza, unha UE que, criticou, “prefire gastar en armas en vez de apoiar aos pobos e a cohesión social”. Tamén puxo en valor o traballo feito durante os últimos anos polo Bloque en Bruxelas en defensa dos dereitos humanos e da Europa da paz, levando ás institucións comunitarias a voz de pobos como o saharauí ou o palestino. 

Ana Pontón defende en Ferrol a existencia dunha Europa que loite pola paz da man do BNG

Te puede interesar