A Xunta avanza no proceso de dixitalización dos laboratorios de anatomía patolóxica e está en proceso de adxudicar (por 5,7 millóns de euros) a adquisición de novos escáneres para 131 dispositivos de visualización, así como a ampliación da capacidade de almacenaxe destes servizos, que se encargan de procesar probas como as biopsias ou as citoloxías. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou onte o espazo que este laboratorio ocupa no Hospital Naval de Ferrol. Alí trabállase xa, de forma pioneira, de maneira semellante á que se pretende implantar en todas as áreas sanitarias do país.
Esta dixitalización substitúe o proceso de diagnóstico con microscopio e mostras en cristais por un novo modelo con imaxes en soporte dixital e sistemas de intelixencia artificial que apoian a toma de decisións. A consecuencia é unha maior calidade e axilidade na análise e tamén permite o acceso desde diferentes estacións, facilitando o traballo en rede. Maior obxectividade e precisión, reducción de tempos de localización de mostras, a posibilidade de reprocesar as imaxes, a creación de bancos de datos útiles para a docencia e a investigación ou a optimización na almacenaxe son algúns dos beneficios deste cambio.
“O que realmente achegará un valor engadido con evidentes repercusións asistenciais será a posibilidade do emprego de sistemas de intelixencia artificial (IA) aplicados á interpretación das mostras”, explican desde Sanidade. “O emprego de algoritmos de IA permitirá cuantificar de forma máis exacta e recoñecer lesións con maior facilidade e rapidez”.
García Comesaña percorreu as instalacións acompañado pola xerente do Sergas, Estrella López-Pardo; a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; o xerente da Área Sanitaria, Ángel Facio; a directora de Enfermaría, Isabel Campos; a directora de Procesos de Soporte, Rocío Vílchez; o subdirector de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Javier Quiles; e o responsable do Servizo de Anatomía Patolóxica, Alberto Veiga.
O conselleiro destacou que este proceso de dixitalización xa se viviu en Radioloxía, sendo Galicia a “primeira Comunidade que dixitalizou todas as súas imaxes radiolóxicas”. O caso de Anatomía Patolóxica foi máis complexo. A construción dun sistema de información (EOS), que se fixo cunha empresa galega que agora o exporta; o equipamento para a trazabilidade das mostras; o almacenamento; ou o desenvolvemento dunha plataforma de diagnóstico asistido (CAD) con IA foron algúns dos pasos dados ata o de agora, nos que se invertiron 4,6 millóns de euros. A compra dos escáneres e das estacións de visualización, por 5,7 millóns, será o último paso. “Vainos permitir non só mellorar a seguridade e a eficiencia, senón sobre todo aproveitar as posibilidades que nos dá a imaxe dixital de ampliación, de conteo e o que está por vir da intelixencia artificial”, explicou García Comesaña. Iso nun contexto no que aumentan as biopsias, as citoloxías ou os cribados de cancro. “É un paso importante que tiñamos pendente desde hai anos. Permítenos avanzar nas técnicas de medicina personalizada dunha maneira que non todas as Comunidades Autónomas poden facer”.
O laboratorio de Anatomía Patolóxica do CHUF ocúpase do estudo de biopsias e citoloxías e de todas as pezas cirúrxicas que se extirpan, así como da realización de autopsias de toda a Área. O ano pasado realizou 43.825.