Un aniversario máis da morte de Ricardo Carvalho Calero que se conmemora na súa casa en ruínas

O ilustre local que foi homenaxeado polas Letras Galegas no 2020 naceu e medrou en Ferrol Vello
Un aniversario máis da morte de Ricardo Carvalho Calero que se conmemora na súa casa en ruínas
O fogar no que naceu Carvalho Calero localízase na rúa San Francisco | DANIEL ALEXANDRE

A vivenda na que naceu unha das figuras ilustres da cidade de Ferrol, o primeiro profesor e catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galega, Ricardo Carvalho Calero, volverá servir de escenografía para conmemorar o seu pasamento. Neste espazo haberá dous actos de homenaxe distintos: o que convoca hoxe, ás 12.00 horas, o grupo local do BNG e o que organiza mañá a asociación cultural Artábria, a partir das 12.30, con intervencións poéticas e musicais.


O 35 aniversario da morte de Carvalho Calero (30 de outubro de 1910, Ferrol - 25 de marzo de 1990, Santiago de Compostela) servirá para poñer o foco, un ano máis, na necesidade de recuperar o que queda en pé da súa casa natal, na rúa San Francisco, en Ferrol Vello. Así, no encontro que propón o BNG ferrolán volverá demandarse a declaración do edificio e das parcelas que forman parte do proxecto de restauración como Zona de Especial Necesidade de Rehabilitación –ZER–.


Segundo comunican dende o partido, a medida “permitiría desenvolver o proxecto de recuperación deste inmoble co obxecto de convertilo nun centro de referencia da historia, da cultura e da lingua na nosa cidade e que sirva, así mesmo, de lugar de encontro para o barrio”. Por parte do goberno municipal salientan a necesidade de ter aprobado o Plan Especial de Ferrol Vello que a Xunta autorizou a redactar no pasado mes de novembro, cun prazo de execución dun ano, antes de iniciar calquera obra.

 

Sector cultural

CarvalhoCaleroArtabria1996
Un dos actos organizados por Artábria no 1996 | CEDIDA

Artábria vén organizando estes actos en homenaxe e reivindicación do profesor ferrolán dende mediados da década de 1990 polo seu ideario en común con respecto ao idioma. Un dos principios que rexen a actividade da asociación cultural é o monolingüismo social e o reintegracionismo, unha corrente da que Carvalho Calero é “un dos máximos representantes”, polo que “sempre foi un referente para o centro social”, sinala o seu representante, Bruno L. Teixeiro.

 

 

Dende a entidade propoñen continuar o costume cunha xuntanza que se abrirá con música tradicional da man da agrupación ferrolá Xoldaina, que nesta ocasión virá en formato cuarteto. Cara o remate, antes da ofrenda floral de cravos vermellos que se realizará ao final, Xoan Paadín tamén participará no encontro coas súas melodías.


Non obstante, o centro da homenaxe resérvase para as intervencións poéticas de Loreto de Castro, María Xosé Martínez, Antón Cortizas e Francisco Gil Vázquez, este último caracterizado de Carvalho Calero, do mesmo xeito que ocorreu o ano pasado. En representación de Artábria intervirá Bruno L. Teixeiro, que reivindicará tanto a figura e o legado do autor como a urxencia da rehabilitación da casa natal, na que “xa case non hai nada que restaurar”. Ademais, referenciará a situación actual da lingua e os últimos datos do IGE ao respecto.


O cartel que anuncia o encontro, que se pode atopar nas redes sociais da asociación, caracterízase polo uso intencionado do laranxa. Segundo compara Teixeiro, a cor comezou a identificarse co reintegracionismo a inicios dos 2000, do mesmo xeito que ocorreu co rosa que tinguiu a estatua de Franco en Ferrol, símbolo do antifascismo dende entón. Entidades como a Asamblea da Mocidade Independentista –AME– ou o Movemento en Defesa da Língua –MDL– asumiron este emblema despois de accións como as correccións de sinais con topónimos “españolizados”. 

 

 

Tras o paso de poucos anos, a iniciativa asentouse até o punto de representar esta corrente nas mobilizacións pola lingua galega cun espazo de seu, o Bloco Laranja. Precisamente a que percorreu as rúas de Compostela o pasado mes de febreiro contou cun manifesto redactado polo mestre e escritor Antón Cortizas.

 

A reclamación dende o centro de educación Secundaria de Caranza que leva o seu nome

 

O IES Ricardo Carvalho Calero de Caranza comezou a funcionar sen esta nomenclatura, senón como instituto mixto número 5 de Ferrol. No ano 1992 cambiouse á denominación de Ricardo Carballo Calero e non foi até o 2020 que se adoptou a fórmula preferida polo propio profesor.


Estas transformacións foron iniciativa do departamento de Lingua Galega e Normalización Lingüística do centro, que, tal como relata a coordinadora daquel tempo, Pim Patinho, deseñou unha exposición fotobiográfica para convencer ao claustro, xa que a ANPA propoñía o nome de Torrente Ballester. A votación resolveu un único voto para esta última idea, cinco para Carballo e dez opinaron que era mellor agardar e escoller outra opción. Non obstante, ante a ausencia de novas suxerencias, a Consellería optou polo profesor de Ferrol Vello.

 

 

Dende esta sección do centro tamén apoiaron a solicitude que xa facía Artábria de dedicarlle as Letras Galegas até que no 2020 xa se puido celebrar a decisión da Academia. Xa cun clima propicio, fíxose efectivo o cambio á fórmula Carvalho, aínda que xa se lucía en adhesivos ou camisetas non oficiais. 

Un aniversario máis da morte de Ricardo Carvalho Calero que se conmemora na súa casa en ruínas

Te puede interesar