Anxo Lorenzo: “Este curso é un acto de xenerosidade do Club de Prensa de Ferrol con Carlos Gurméndez”

Anxo Lorenzo: “Este curso é un acto de xenerosidade do Club de Prensa de Ferrol con Carlos Gurméndez”
Desde a esquerda, Julia Díaz, Alberto Sucasas, Ponte Far, María Jesús Movilla, Anxo Lorenzo e Esperanza Piñeiro | e. cortizas

Carlos Gurméndez non era ferrolán –naceu en Montevideo e residiu en Madrid– mais a súa estreita relación co Club de Prensa da cidade naval, favorecida polas súas estadías estivais na parroquia eumesa de Centroña, fixo  que desde o ano seguinte á súa morte en 1997 se lle rendira homenaxe a través dun curso coa esencia do coñecido como o filósofo das paixóns, que profesionalmente exerceu como xornalista e escritor, formando parte do grupo fundacional de El País. 
 

Desde 1998, e só interrompido en 2020 por mor da pandemia, o curso que leva o seu nome convértese cada verán nun espazo aberto á reflexión, ao diálogo e ao intercambio de opinións arredor de temas de actualidade. Desta volta, e baixo o epígrafe “Desafíos da globalización”, máis dunha decena de expertos analizarán desde os seus respectivos ámbitos de coñecemento unha cuestión con moitas aristas e que, segundo salientaba onte o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, “forma parte da nosa vida, das empresas, da vida social...”.
 

O representante da Xunta, que comezou a súa intervención na inauguración do curso poñendo en valor o espazo universitario ferrolán –“é un Campus moi paseable, moi agradable”, dixo– destacou, entre outras cousas, a lonxevidade dun curso de verán cun cuarto de século de vida, “o que non é habitual”. Isto dá unha idea, engadiu, do pouso dunha actividade que definiu como “un acto de homenaxe e de xenerosidade de Ferrol e comarca e do Club de Prensa cunha persoa que non era de aquí, converténdoo nunha especie de fillo adoptivo”, apuntou.
 

Ao igual que para Anxo Lorenzo, que leva acompañando moitos anos a inauguración do programa, tamén moi familiar resultaba o acto oficial de apertura celebrado onte para José Antonio Ponte Far, actual concelleiro de Cultura de Ferrol, pero que antes diso foi “oínte, poñente e colaborador” da cita á que onte acudía como representante institucional.
 

Desde esta súa nova posición, comprometou ao Club de Prensa o máximo apoio e colaboración posible coa actividade, “un clásico entre os cursos de verán das universidades galegas”, manifestou. Desexou, así mesmo, moitos anos máis de vida para este “agasallo cultural”, un curso que comezou celebrándose en Pontedeume –municipio ao que pertence a parroquia de Centroña na que Gurméndez atopou o seu principal lugar de inspiración– e que desde 2011 asentouse no campus ferrolán.
 

Inscritos

Unhas 70 persoas, segundo apuntou onte a coordinadora, Esperanza Piñeiro, formalizaron a matrícula nun curso no que o profesor da Universidade da Coruña, Alberto Sucasas, exerce como director académico. “Que chegue a 24 edicións é algo altamente infrecuente e que debemos valorar”, considerou. O encontro de pensamento e comunicación fai énfase, precisamente, nesa doble vertente de Gurméndez como pensador e como xornalista, rendéndolle así, un ano máis, homenaxe cun programa ao que Sucasas gustarialle ter engadido, recoñeceu, a posibilidade de conferir maior peso a áreas como “o efecto devastador que o fenómeno da globalización ten nos universos culturais tradicionais” ou o do tema económico. “Confiamos en que sexan tres días fértiles, intelectual e humanamente”, concluíu.
 

A presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz, apuntou ao curso como unha boa oportunidade para “afondar nos desafíos da globalización, analizando con rigor” o tema desde diferentes perspectivas, mentres que a vicerreitora do Campus, María Jesús Movilla, destacou a importancia de manter vivos espazos de pensamento como o que propón o Gurméndez, “un luxo para o Campus e a UDC”.
 

Tralo acto de inauguración, o xornalista ferrolán Germán Castro presentou ou seu libro “Carlos Gurméndez: Galicia e os espazos abertos de Ferrolterra”, que será distribuído entre o alumnado. A conferencia “Outros virus globais”, de Darío Villanueva (USC); “Sistema xurídico internacional e globalización: paradoxas e desafíos”, de Isabel Lirola (USC); e “Na procura da comunidade: reflexión desde Galiza”, de Carme Adán (Consello da Cultura Galega) complementron a xornada de onte.

Anxo Lorenzo: “Este curso é un acto de xenerosidade do Club de Prensa de Ferrol con Carlos Gurméndez”

Te puede interesar