Hoxe entregaronse os premios aos gañadores da IV Edición do Concurso de Fotografía, Poesía e Microrrelato para conmemorar o Día das Bibliotecas.Un acto organizado pola Biblioteca da Área Sanitaria de Ferrol, en colaboración coa Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía e coa Asociación Deportivo Cultural da Área, Adecasfe.
José Ramos Calahorra pola obra poética, Flúe; Soraya Casal Soto polo microrrelato Papas de Millo; e Francisco Javier Rodríguez Fariñas, pola fotografía Regos, son os gañadores deste certame para conmemorar o Día das Bibliotecas, organizado pola Biblioteca da Área Sanitaria de Ferrol.
As profesionais da Biblioteca recompilaron un total de 25 traballos de temática libre, baixo o sistema de plica, dende o pasado setembro; e hoxe tiña lugar a entrega dos galardóns, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
Podían presentar estes traballos tódalas persoas que traballan ou traballaron nesta Área Sanitaria ferrolá, tanto no ámbito hospitalario, como nos centros de saúde e Puntos de Atención Continuada.
Igualmente tamén, as persoas que participan na aula de Fotografía desta Asociación deportivo cultural da Área. Os traballos eran de temática libre, baixo o sistema de plica.
As obras tiñan que ser inéditas e que non foran premiadas, ata a data de presentación, en ningún outro certame ou premio. O xurado deste concurso por mor do Día das Bibliotecas, que se xuntaba onte, eran Estrella López-Pardo Pardo, subdirectora de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía); Amanda Gómez Costa, secretaria da Asociación Deportivo Cultural dos Profesionais da Área Sanitaria de Ferrol, Adecasfe; Sabela Bermúdez Miguez, gañadora do concurso de Poesía no 2023; Sara López Valiña, gañadora do concurso de Fotografía no 2023; e Eloy Taboada, profesor de Fotografía da citada Adescafe.
A faceta artística dos e das profesionais canalízase habitualmente a través das distintas actividades que desenvolve a citada Asociación Deportivo Cultural da Área. A Biblioteca quería contribuír neste eido cultural aproveitando para premiar a inquedanza dos integrantes da Área Sanitaria de Ferrol no Día Mundial das Bibliotecas.