O Proxecto Esmelle organizou onte unha ruta ao castro coa finalidade de cortar os xenos dos eucaliptos que ameazaban a integridade do asentamento castrexo. A acción tivo lugar onte coa participación dunha quincena de persoas e xa hai previsións de realizar outras convocatorias semellantes proximamente.
A escavación e os accesos á mesma, que se está desenvolvendo dende fai dous anos, foi o principal punto de atención para os voluntarios que se achegaron onte ao local social da asociación de veciños de Esmelle, que foi o punto de encontro. A maioría do grupo estivo formado por residentes da parroquia, ademais dalgúns membros do equipo de arqueólogos.
“Os xenos crecen a unha velocidade esaxerada, había algúns de case dous metros e fai dous meses que se cortaron”, indicou Paulino Gasalla, vicepresidente da AVV Valle de Esmelle. A convocatoria realizouse coa única finalidade de “intentar por todos os medios posibles que o ano que vén non teñan o mesmo problema deste ano, que non se podía acceder”, continuou.
Este terreo no que se localizan os restos é de titularidade municipal, polo que dende a entidade veciñal reclaman “un mantemento por parte do Concello ou das autoridades que sexan para evitar que o castro se volva pechar”, manifestou Gasalla, lembrando o acontecido na segunda campaña.
A problemática residiu en que a vexetación, a maioría eucaliptos, cubriron o castro até o punto de impedir o acceso, polo que tivo que organizarse unha gran intervención, que finalmente se realizou unhas semanas antes do comezo desa segunda campaña. De feito, a actuación arqueolóxica comezou cando aínda non se tiñan rematados os traballos preparativos, que, segundo indicou Gasalla, finalizaron fai unha semana, aparte de resaltar que “ao facer limpeza pódense ver outras cousas”.
“Aínda quedan, como mínimo, tres anos máis de escavación”, sinalou o implicado, en relación á necesidade de prolongar o mantemento en Tralocastro, que non se limita só ao corte das nomeadas árbores, senón tamén á limpeza “da cantidade de restos de ramalla que hai”. O xeno do eucalipto “pode acadar os cinco metros de altura tranquilamente nun ano”, seguiu, polo que esta especie é a que máis dificultade supón, en comparación a outras coma silvas ou toxos.
Entre os participantes tamén se atoparon algunhas persoas que aínda non se achegaran nunca á zona, polo que se aproveitou a oportunidade para darlles a coñecer aspectos relevantes sobre o castro, como as vistas e como se controlaba, por parte dos máis experimentados. Os veciños “forman un equipo extraordinario e ademais nos apoian os arqueólogos”, valorou Paulino Gasalla.