Os arquivos do Ministerio de Defensa en Ferrol

Os arquivos do Ministerio de Defensa en Ferrol
Acceso principal ao arquivo I D. Alexandre

O Ministerio de Defensa ten en  Ferrol fondos históricos en dous arquivos, o Militar e o Naval, que salvagardan documentación da xustiza militar e outra (moito máis abundante) que recolle contidos tanto ou máis notables que os xudiciais. 


A comezos do mes de novembro deste 2024 coñecemos que o Ministerio de Defensa, baseándose na Orden DEF/994/2019, por la que se aprueba el Plan de Archivos de Defensa (BOE nº 239, 4-X-2019), cinco anos despois, co argumento de centralizar e dixitalizar a documentación dos nove Arquivos Intermedios existentes, manifesta o propósito de trasladar a Madrid parte (no futuro todos) dos fondos dos arquivos de Ferrol de xeito “irreversible” (sic) para su “digitalización y preservación” en palabras literais da responsable da Unidad de  Coordinación de archivos Militares do Ministerio de Defensa. A rápida e activa reacción de historiadores e historiadoras, asociacións memorialistas, partidos políticos, Deputación da Coruña, entidades culturais e algúns mandos militares a título particular, conseguiu impedir tal desfeita, de momento...

 

Archivo Intermedio Militar de Ferrol (Aimno)

O arquivo ten a súa sé  no  Baluarte do Infante, magnífico fragmento da muralla (1774) que envolvía a cidade de Ferrol. O acuartelamento foi reformado en 1859, 1874, 1898, 1902... Estivo en uso como cuartel de artillería até 1988. 


En maio de 1996 foi destinado o Baluarte a arquivo provisional, con funcións definidas nun Real Decreto de 4-XII-1998, cando xa chegaran os primeiros fondos de artillería, hospitais, mantemento, algunhas capitanías e gobernos militares. En 1999 comezaron longos e importantes traballos de infraestrutura, de acomodación de espazos e de equipamento para acoller a previsible gran cantidade de materiais arquivísticos administrativos, xudiciais, cartográficos etc. das que foran VIª, VIIª, VIIIª Regiones Militares, dende 1984 Región Militar Noroeste.


A documentación está gardada en 12 depósitos que acomodan 57.000 receptáculos con documentos (“legajos”, fichas, expedientes persoais, informes, cartografía, fotografía… ), ocupando os andeis máis de 10.000 metros liñais. As oficinas están situadas no antigo corpo de garda e dúas salas para investigadores e investigadoras no corpo principal. Os documentos máis antigos son de 1729 (Capitanía de Galicia) chegando nalgúns ámbitos até 2008. O conxunto esta organizado como segue: mando (capitanías, algúns gobernos militares), unidades militares (por armas), apoio (sanidade, obras, parques), recrutamento, xudicial.

 

Archivo Naval de Ferrol 

O Archivo General del Departamento Marítimo de Ferrol foi  trasladado en 1958 ao Edificio de Servicios Generales de Capitanía. En 2008 os fondos foron almacenados nos túneles de torpedos e mísiles da Estación Naval da Graña, as oficinas e salas de consulta pasaron á Sala de Armas do Arsenal de Ferrol. En 2012 acomodaron no Palacio de Capitanía General os servizos administrativos e unha parte dos fondos, e a maioría na Graña, ocupando 6.500 metros liñais de andeis; na Biblioteca Naval conservan unha notable cartografía histórica. A documentación más antiga é de 1726 (Escribanía de Marina).


Os fondos están clasificados como segue: flota, escuadra, buques, cuartel xeral (capitanía, estado maior, intendencia, intervención), buques, comandancias, axudantías, arsenal, dependencias en terra, sanidade, recrutamento, xudicial. Proceden da Zona Marítima entre o Miño e o Bidasoa, ampliada en recrutamento ás provincias de Álava, Burgos, La Rioja, Navarra, Ourense.

 

Fondos xudiciais das xurisdicións do Exército de Terra e da Armada 

Esta documentación xudicial (causas e procedementos) depende do Tribunal Militar Territorial 4º con sé en Coruña. Os “legajos” non comprenden só documentos correspondentes á sublevación militar de 1936 contra a IIª República, á guerra 1936-1939, á represión franquista, a resistencia antifranquista, senón feitos e delitos  anteriores e posteriores (de 1809 a 1998) acontecidos no ámbito militar e naval: desercións, roubos, asasinatos, insultos, accidentes, naufraxios, piratería… É de sinalar que dende 1945 a Armada só actuaba xudicialmente en asuntos referidos ao seu persoal e no que pertencía ao seu ámbito de actuación, continuando a competencia do Exército de Terra militar para xulgar persoas alleas á milicia seguiu vixente ata a constitución do TOP en 1963 e, parcialmente, chegou a 1977.

 

A rápida e activa reacción de diferentes entidades conseguiu impedir tal desfeita, de momento

 

Fondos xudiciais do Exército de Terra

Os procedementos xudiciais concentrados en Ferrol corresponden aos incoados entre 1809 y 1996 nas provincias incluídas na demarcación territorial da Región Militar Noroeste, que comprendía os  xulgados militares de Coruña, Lugo, Ourense,  Pontevedra, La Rioja, Álava, Vizcaya, Guipúzcoa, Asturias, Cantabria, León, Burgos, Palencia, Salamanca, Soria,Valladolid, Zamora, correspondentes á actual demarcación do Tribunal Militar Territorial 4º, asemade de documentación xudiciais de Navarra, territorio que pertence ao Tribunal Militar Terrotorial 3º. Ocupan 2.000 metros lineais que acomodan case 11.500 procedementos.

 

Fondos xudiciais da Armada

Esta documentación está conformada por escrituras públicas (1730 a 1880) e polos procedementos penais (causas, expedientes) incoados entre 1909 y 2000. Como sinalamos máis atrás, corresponden á demarcación da antiga Zona Marítima del Cantábrico, consta de 2.200 “legajos”.

 

A case totalidade das declaracións en contra do traslado de documentación destacan, principal e case exclusivamente, a importancia de manter en Ferrol os fondos xudiciais referidos á sublevación militar de xullo de 1936 e á represión franquista en Ferrolterra e Galiza. Eses fondos xudiciais ocupan nestes arquivos apenas unha quinta parte dos espazos que almacenan a importante e variada documentación que vimos de describir. 


Ferrolterra e Galiza non poden perder arquivos tan ben constituídos, e levar só os fondos xudiciais sería mutilar o conxunto, eivando a riqueza da colección e o labor de investigación.

Os arquivos do Ministerio de Defensa en Ferrol

Te puede interesar