As creadoras de “Feminismos no tempo” presentan o último xogo da colección: “Galegas”

Esta tarde de venres, no centro social Artábria, convídase ao entretemento á vez que se aprende
As creadoras de “Feminismos no tempo” presentan o último xogo da colección: “Galegas”
Noelia Darriba García, Raquel Veiga Teijeiro e Tania Merelas Iglesias | CEDIDA

As educadoras sociais Noelia Darriba García, Tania Merelas Iglesias e Raquel Veiga Teijeiro, das entidades AtalaiAS e Avezar, comezaron a lanzar en 2022 uns xogos de cartas para coñecer a historia do feminismo. Este Nadal sacaron a última proposta da colección, “Galegas”, que se dará a coñecer esta tarde, ás 19.30 horas, na asociación cultural Artábria, con entrada libre.


O acto de presentación deste xogo, que forma parte da colección “Feminismos no tempo”, constituirá unha actividade que convida a divertirse cun pasatempo formulado co obxectivo de destacar a contribución das mulleres na historia, coa singularidade, nesta ocasión, de centrarse nos movementos e personalidades de Galicia. Por medio dunha baralla de 55 cartas, os xogadores deben situar cronoloxicamente distintos acontecementos, figuras e asociacións feministas. Ademais, esta edición pódese combinar coas dúas anteriores.


Trátase, en primeiro lugar, de “Acontecementos”, a proposta que estreou a colección achegando unha recolleita das principais historias dentro do movemento feminista ao longo do tempo. Un ano máis tarde, en 2023, as creadoras presentaron “Invisibilizadas”, un proxecto que recupera a memoria de mulleres cun papel trascendente a pesar de ser silenciadas nos libros de texto.


“Traballamos moito dentro dos centros educativos pero tamén coa formación de adultos”, sinalan as autoras, explicando que “Feminismos no tempo” nace da necesidade de contar con recursos propios para organizar clases e grupos no seu día a día.


En definitiva, a colección dos tres xogos permite coñecer a historia do feminismo dende unha perspectiva internacional, aínda que centrándose en Galicia, constituíndo unha ferramenta didáctica para profesorado e educadores. Ademais, o material pódese ampliar cun QR que achega máis detalles da tarxeta. 

As creadoras de “Feminismos no tempo” presentan o último xogo da colección: “Galegas”

Te puede interesar