As entidades do Consello Asesor de pacientes da Área terán o seu propio local no CHUF

Así se lles trasladou nas últimas horas nunha das xuntanzas do equipo directivo actual
As entidades do Consello Asesor de pacientes da Área terán o seu propio local no CHUF
Un momento da quinta reunión do Consello Asesor celebrada onte

As Asociacións de Pacientes representadas no Consello Asesor de Pacientes da Área Sanitaria de Ferrol poderán facer uso, se así o desexan, do novo local que a xerencia da Área pon á súa disposición para poder ter contacto con pacientes e profesionais.

 

O espazo cedido está situado no andar baixo do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, xunto ó local para a doazón de sangue de ADOS. Así se lles informou onte, nunha primeira xuntanza do actual equipo directivo da Área durante unha sesión do Consello Asesor de Pacientes, que se celebrou no salón e actos do Hospital Arquitecto Marcide. 

 

Así, nesta primeira xuntanza con eles, a xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Fernanda López Crecente, quixo escoitar un por un aos representantes das entidades e as súas inquedanzas; e afirmou que “este local suporá un novo espazo para emprego das asociacións, accesible e con visibilidade directa, na entrada principal do Arquitecto Marcide”. Ó longo da súa conversa cos asistentes, reiteroulles en varias ocasións que a Área está pendente das necesidades que as asociacións transmitan non só a través destas reunións ordinarias do Consello, e que “agora este espazo suporá un achegamento máis do paciente ó sistema”. Nese senso, remarcoulles que “o paciente é a nosa razón de ser”. 

 

Así, as asociacións poderán contactar estes días para amosar o interese no seu uso coa Subdirección de Humanización, Calidade, e Atención á Cidadanía, cuxa titular, Estrella López Pardo Pardo, estaba presente na reunión de onte. Esta Subdirección, tras recompilar as peticións, organizará os horarios para que tódalas asociacións do Consello teñan cabida, e se poida activar xa este novo espazo no vindeiro mes de xaneiro. Participaron tamén neste encontro diversos cargos directivos da Área ferrolá, da Dirección Asistencial, de Primaria, de Soporte, e de Recursos Económicos. 

 

Plan de Inverno 

 

Outra das diversas cuestións das que se lles informou aos membros do Consello Asesor foi a do Plan de Inverno, xa vixente na Área Sanitaria de Ferrol, para estar preparado e afrontar coas máximas garantías as enfermidades propias do inverno, como a gripe, a Covid ou o Virus Respiratorio Sinticial (VRS), entre outras. Estas infeccións respiratorias agudas, especialmente a gripe, implican un aumento da carga asistencial e na utilización dos seus recursos humanos e materiais. Por iso, o plan, elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública e a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo  Galego de Saúde, permitirá optimizar os recursos en función da situación epidemiolóxica de cada momento a través de catro claves: a prevención, a vixilancia epidemiolóxica, a planificación dos recursos asistenciais e o seguimento e monitorización continua. A análise epidemiolóxica, que se obtén de forma anticipada grazas aos modelos de predición, permite planificar a mobilización de recursos e optimizar procesos asistenciais, especialmente nas áreas de urxencias hospitalarias, hospitalización e actividade cirúrxica. Polo que, con este plan, contarase con recomendacións homoxéneas de medidas que se deben adoptar, tanto transversais como específicas, e en función do escenario en que se atopen segundo a presión de urxencias e a ocupación da hospitalización.

 

 

Órgano consultivo e de participación 

 

Lembrar que o Consello Asesor de Pacientes é un órgano de carácter consultivo regulado na Orde de 16 de outubro de 2018, pola que se establece a composición e o réxime de funcionamento dos consellos asesores de pacientes de área, e na que tamén recolle as indicacións para incorporarse ó mesmo.

 

Configúrase como un vehículo de implicación das asociacións nas que se agrupan os pacientes, canalizando a súa su participación e a das súas familias (ou das persoas que os representen ou que se responsabilicen do seu coidado), coa finalidade de participar e colaborar na mellora da calidade da asistencia sanitaria. 

 

Este Consello creábase na Área Sanitaria de Ferrol no 2019. Estaba conformada de inicio por 19 asociacións da Área, e hoxe está integrado por 24 colectivos. Este Consello reuniuse en cinco ocasións dende a súa creación, e mantivo xuntanzas telemáticas a pesar da pandemia. 

 

Forman parte do Consello, a Asociación Sociocultural ASCM, a Xunta local de Ferrol da Asociación Española contra o Cancro; Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal; a Liga Reumatolóxica Galega, AFEM, ALCER, Asotrame, Fegerec, ACCU, AFAL, Agavida, Agadhemo, ADF, Amicor, Aspaneps, Affinor, Agaeña, Acega, Airiños, AGAL, Aspanaes, a Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficencia Venosa Crónica e Outras Patoloxías Vasculares Periféricas (AGL), a Asociación Párkinson Ferrol; e a Asociación Oficina Central de Servizos Área 1 (Alcohólicos Anónimos), estas dúas últimas de recente incorporación neste ano.

 

As entidades do Consello Asesor de pacientes da Área terán o seu propio local no CHUF

Te puede interesar